O Coro Universitario de Santiago pecha o curso coa ópera 'Dido e Eneas'
O Coro da USC, acompañado da Capela Compostelana e baixo a dirección de Miro Moreira, pon fin ao presente curso académico coa ópera ‘Dido e Eneas’, de Henry Purcell. O concerto, de entrada libre ata completar o aforo, será este mércores 3, ás 21:00 horas, na Igrexa da Universidade.
Parece probado que ‘Dido e Eneas’ non acadou grande éxito en vida do compositor, sendo a única ópera da produción do músico. Escrita en tres actos, esta ópera levaba no inicio un prólogo musical alegórico de estilo francés, de xeito semellante ás grandes cordas iniciais das obras do músico de Luís XIV, Jean Baptiste Lully.
O libreto conta a relación dunha muller impetuosa cun home afable e remata dramaticamente, coa morte dun dos protagonistas. As coreografías aparecen como nexo para articular o drama e os membros do coro son parte activa do reparto de personaxes, tomando roles de mariñeiros, cazadores ou cupidos.