Correo Farmacéutico recoñece InnoPharma como mellor iniciativa do ano
A revista Correo Farmacéutico recoñeceu o proxecto da USC InnoPharma como a mellor iniciativa do ano no apartado de investigación, farmacoloxía e produtos. InnoPharma foi creada en xuño de 2012 polos grupos de investigación de Medicina Xenómica –que dirixe o profesor Ángel Carracedo– e BioFarma –de Mabel Loza– para traballar conxuntamente na validación de novas dianas terapéuticas e no descubrimento de fármacos innovadores, sobre todo nos ámbitos da psiquiatría e no cancro. Como cada ano, Correo Farmacéutico recoñece a labor diaria daquelas persoas, institucións ou empresas que coa súa achega axudaron a mellorar o campo da farmacia, a atención farmacéutica e a saúde. Cun financiamento de dez millóns de euros, na súa maior parte provenientes do Fondo Tecnolóxico Europeo, InnoPharma está aliñada á estratexia estatal de innovación (E2I) e ao Plan galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (I2C). Precisamente InnoPharma foi o primeiro proxecto concedido para contar cos citados fondos europeos e aos que a USC presentou outros 17 proxectos innovadores. A plataforma, con sede no Centro singular de Investigación de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS), pretende constituírse nun referente internacional no sector que permita crear tecido produtivo fomentando a transferencia de coñecemento e impulsando a creación de novas empresas baseadas neste co propósito de aunar as capacidades público-privadas do sector biofarmacéutico nun marco de innovación aberta. Trátase de desenvolver actividades de investigación aplicada para xerar candidatos a fármacos innovadores nunha contorna de colaboración internacional. InnoPharma -Plataforma de farmacoxenómica aplicada á validación de dianas terapéuticas e descubrimento de fármacos candidatos a fases preclínicas- aproveitará as sinerxías dos dous equipos de investigación altamente competitivos e complementarios no coñecemento de novos mecanismos das enfermidades e do descubrimento temperá de fármacos.