Cova Eirós revela a forma de vida dos neandertais no Paleolítico medio en Galicia e dá conta da súa complexidade tecnolóxica e pericia técnica
Os traballos arqueolóxicos e as labouras de escavación desenvolvidas ao longo das dúas últimas semanas por membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-ATT) da USC e do Institut de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona na Cova Eirós (Triacastela) permiten adentrarse no coñecemento dos modos de vida dos grupos de neandertais que durante o Paleolítico medio moraron esta cova radicada na montaña luguesa, ao tempo que achegan luz sobre as formas de aproveitamento e explotación dos diferentes recursos do territorio durante un período do que se dispón de moi pouca información en Galicia.
O reitor da USC, Antonio López, salientou na súa visita a Triacastela o alcance e a relevancia das pescudas que está a realizar en Cova Eirós o grupo de investigación liderado polo catedrático da USC Ramón Fábregas, ao tempo que puxo de manifesto as novas posibilidades de estudo e a múltiple información que achegan as múltiples pezas e restos líticos e óseos descubertos no marco desta nova campaña de escavacións no xacemento localizado no concello lugués de Triacastela. López lembrou asemade que esta actuación, financiada pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e que chega hoxe ao seu remate logo de intensas semanas de traballo, posibilitou tamén afondar en diversos aspectos do coñecemento da cavidade e da súa contorna.
As intervencións arqueolóxicas desta campaña centráronse, segundo indicou o catedrático da USC e investigador principal do proxecto, Ramón Fábregas Valcarce, nas ocupacións neandertais localizadas á entrada da cavidade e permitiron escavar toda a extensión do nivel 4, o que concentra a maior densidade de restos da cova e que xa ten proporcionado para a investigación máis de 2.500 obxectos líticos e óseos.
As ocupacións nas que se centrou esta última actuación correspóndense con campamentos residenciais onde os grupos de neandertais pasaron un tempo prolongado en Cova Eirós e realizaron diversas actividades. A presenza de fogares, ósos queimados e con marcas de corte e percusión identificadas sobre a súa superficie indican que cazaban os animais, entre os que se advirte un predominio de cervos, para logo procesalos dentro do xacemento, tanto para o seu consumo como para o aproveitamento das súas peles, relata o investigador da USC.
Os numerosos restos líticos, con núcleos, lascas e instrumentos retocados, indican que tallaron as súas ferramentas en cuarzos locais, transportados desde as canles próximas. Ademais, as ferramentas de talla Levallois en cuarcita de grao fino dan conta da gran complexidade tecnolóxica destes grupos e a súa pericia técnica, precisa o co director da escavación, Arturo de Lombera. Deste xeito, engade, as intervencións xa desenvolvidas no nivel 4 de Cova Eirós achegan cumprida información para afondar no coñecemento do Paleolítico medio en Galicia.
Alén das actuacións arqueolóxicas, durante a primeira semana desta campaña, o traballo realizado por membros do clube CETRA e Ártabros permitiu levantar a topografía tridimensional da cavidade. Daquela, explica de Lombera, foi posible identificar os puntos de contacto entre as galerías interiores que conforman Cova Eirós e descubrir que ten conexión con outra pequena cavidade veciña, chamada Cova das Cabras.
Esta información, ademais de achegar novos datos sobre o sistema cárstico do monte Penedo, ten un importante valor patrimonial de cara á conservación deste Ben de Interese Cultural, tal e como se puxo de manifesto este luns no marco da visita institucional realizada polo reitor da USC co gallo do remate dos traballos desta campaña de escavacións. A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias Fontal; a secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella, e a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, tamén formaron parte da comitiva universitaria desprazada ata Cova Eirós. O director facultativo de Canteiras de Cosmos, Javier García, e a responsable de Sustentabilidade desta empresa, Ana González, participaron na visita. Unha vez rematado o percorrido pola cova, o reitor da USC, Antonio López, asinou no Libro de Honra do Concello de Triacastela.
De esquerda a dereita, Valcárcel, García e o reitor Antonio López, atenden as explicacións de Fábregas no interior de Cova Eirós De esquerda a dereita, Lombera, Fábregas, López, Valcárcel, García e Iglesias, na entrada de Cova Eirós Integrantes da expedición que visitaron o interior de Cova Eirós na última da xornada de campaña de escavacións Escavacións na entrada da Cova Eirós O reitor da USC, Antonio López, asina no Libro de Honra do Concello de Triacastela, en presencia da alcaldesa Olga Iglesias