Ir o contido principal

A creación de novas facultades, a ensinanza en liña e en inglés, entre os temas de debate do III Congreso de Docencia Veterinaria

Castillo, Gómez, Lezcano-Mújica, Moyano e Agüera, na apertura do congreso
Castillo, Gómez, Lezcano-Mújica, Moyano e Agüera, na apertura do congreso
A profesora da USC e presidenta da Asociación Española de Veterinarios Docentes, Cristina Castillo, participou en Córdoba nun foro dirixido a mellorar a calidade docente

A apertura de novas facultades de Veterinaria en España e a promoción da ensinanza en liña e en lingua inglesa centraron boa parte dos debates celebrados no marco do III Congreso de Docencia Veterinaria (VetDoc), un foro orientado a mellorar a calidade da docencia para a formación dos futuros profesionais veterinarios que desenvolveu a súas sesións na Universidade de Córdoba.

A profesora da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC e presidenta da Asociación Española de Veterinarios Docentes (VetDoc), Cristina Castillo, aproveitou a apertura deste congreso para salientar a preocupación que existe arredor da calidade na formación dos futuros veterinarios, como o proba a presentación dun elevado número de comunicacións a este congreso, dixo.

O reitor da Universidade de Córdoba, José Carlos Gómez Villamandos, tamén se manifestou neste mesmo senso ao destacar a importancia que supón celebrar este tipo de foros nun momento no que a profesión veterinaria está en auxe. Gómez Villamandos convidou asemade a reflexionar sobre a pertinencia ou non da creación de novas facultades de Veterinaria en España, un feito que podería ir en detrimento da calidade da formación, dixo.

A necesidade de reflexionar sobre a implantación e posta en marcha de novas metodoloxías docentes no eido da Veterinaria no novo escenario que depara a adaptación dos actuais plans de estudo á nova normativa foi un dos argumentos expostos pola decana da Facultade de Veterinaria de Córdoba, Rosario Moyano, no marco deste congreso, cuxa presidenta do comité organizador, Estrella Agüera Buendía, tamén se referiu ao crecente interese, cando non preocupación, pola calidade dos materiais docentes. A subdirectora Xeral de Títulos e Recoñecemento de Cualificacións do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Margarita de Lezcano-Mújica Núñez, recolleu as distintas sensibilidades e preocupacións expostas polos relatores deste foro e anunciou o seu compromiso de “tomar nota das inquietudes existentes en materia de docencia en veterinaria”, a fin de avanzar na progresiva mellora da situación actual.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.06.2016.