Creada na USC a Cátedra Unesco sobre Cultura de Paz e dos Dereitos Humanos
En cooperación coa Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), a USC, a Fundación Cultura de Paz e o Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP) crean na institución docente compostelá a Cátedra Unesco sobre Cultura de Paz e Dereitos Humanos.
A colaboración formalizouse este martes 20 coa sinatura protocolaria dun convenio coa presenza da vicerreitora de Investigación, Mª José Alonso; o presidente da Fundación Cultura de Paz, Federico Mayor Zaragoza; e o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP), Manuel Díos Diz.
Foi este último o que cualificou a sinatura como un “momento histórico, no que xa víñamos traballando dende hai un tempo”. Nesta mesma liña, Mayor Zaragoza mostrouse satisfeito pola confluencia da Unesco, a USC e o SGEP, xuntos a prol “dunha mensaxe de conciliación”. Para o presidente da Fundación Cultura de Paz, esta Cátedra chega nun momento de “gran transición” para o mundo, tendo que pasar “dunha economía baseada na guerra e na especulación” a outra baseada “no desenvolvemento sostible e no reparto”. O cambio demanda “o dominio da palabra sobre a forza”.
Pechando o acto, María José Alonso subliñou que esta Cátedra na USC axudará a cohesionar as múltiples iniciativas que a institución docente compostelá xa está a desenvolver en campos diversos, como o da investigación ou a acción social.
Esta nova Cátedra promoverá un sistema integral de actividades de investigación, formación, información e documentación orientadas ao dominio da cultura de paz e dos dereitos humanos. Constituirá un instrumento para facilitar a colaboración entre investigadores de proxección internacional, e os docentes universitarios, doutras institucións en particular con outras Cátedras Unesco establecidas no campo da Cultura de Paz en América Latina, o Caribe e en África.
Entre os seus obxectivos específicos, a Cátedra promoverá a cultura de paz tanto na esfera académica como na sociedade en xeral e vinculará, nun enfoque interdisciplinario e global, diferentes iniciativas levadas a cabo para fomentar a cooperación interuniversitaria e a creación dunha rede universitaria internacional, nunha dinámica Norte-Sur e Norte-Sur-Sur.
O traballo da cátedra incidirá tamén no desenvolvemento de actividades conxuntas de investigación, en particular, daquelas que desemboquen na acción, privilexiando a innovación e a participación da sociedade civil, co fin de ter un maior impacto sobre as poboación involucradas. Nesta mesma liña, elaborará documentos e soportes educativos sobre a cultura de paz e dos dereitos humanos orientados a diferentes grupos sociais. O acordo asinado estenderá a súa vixencia ao longo dos vindeiros catro anos.
Co obxecto de planificar as distintas liñas de intervención, a cátedra celebrará de inmediato unha xuntanza do seu comité fundador que definirá unha proposta de axenda e iniciativas concretas. De feito, entre as primeiras actividades que se van celebrar figura unha xuntanza de todas as cátedras similares que actualmente están a desenvolver o seu traballo no territorio español.