Ir o contido principal

Crean en Veterinaria un suplemento de algas rico en iodo e selenio para gando vacún de leite en réxime ecolóxico

De esquerda a dereita, Marta López Alonso, Francisco Rey Crespo e Marta Miranda
De esquerda a dereita, Marta López Alonso, Francisco Rey Crespo e Marta Miranda
Francisco Rey proba na súa tese, dirixida por Marta Miranda e Marta López, que o complemento corrixe deficiencias mineiras e permite acadar leite enriquecido en iodo

Investigadores da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo deseñaron un suplemento de algas rico en iodo e selenio que resulta moi acaído para corrixir as deficiencias de minerais que presentan as reses de gando vacún de leite en réxime ecolóxico, tal e como demostra o investigador pontevedrés Francisco Rey Crespo na súa tese de doutoramento, dirixida polas profesoras Marta Miranda e Marta López Alonso. A investigación realizada por Francisco Rey Crespo, cuxos resultados acaban de ser presentados na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, reforza os postulados que rexen a agricultura ecolóxica, que promove o emprego e o aproveitamento de recursos locais e limita, por contra, a utilización de produtos químicos, incluíndo os suplementos minerais nos pensos. O principal obxectivo da investigación que deu pé á tese de doutoramento de Francisco Rey era a elaboración e deseño dun suplemento de algas especialmente rico en iodo e selenio. Este novo complemento alimenticio, inicialmente pensado para cubrir eivas de soportes minerais advertidas no gando vacún de leite en réxime ecolóxico, pero tamén aplicable a outros sistemas de produción e a outras especies animais. A orientación da investigación desenvolvida por Rey Crespo cara a produción ecolóxica débese a que as pautas e as prácticas imperantes neste sistema fan que a nutrición animal sexa moi dependente das condicións xeográficas locais, polo que é doado que poidan aparecer deficiencias minerais en determinadas áreas, con implicacións importantes para a saúde dos animais e da calidade das súas producións. Este é o caso de Galicia, e en xeral do Norte de España, onde, segundo se constata nesta investigación, atópanse deficiencias minerais importantes (especialmente iodo e selenio) nunha porcentaxe moi elevada de gando vacún de leite de produción ecolóxica, así como uns niveis de minerais baixos en leite, especialmente de iodo, o que pode repercutir na saúde dos consumidores. O resultado do labor realizado por Rey Crespo cumpriu con creces os obxectivos previstos, pois conseguiu un suplemento alimenticio que xa ten demostrado ser unha excelente ferramenta para corrixir as deficiencias minerais dos animais. Asemade, este novo composto, elaborado a partir de algas que invaden as costas galegas e crean grandes problemas para as xentes do sector pesqueiro, principalmente no caso das especies Ulva rigida e Sargasum muticum, resulta moi pouco custoso ao tempo que contribúe a solucionar unha problemática medioambiental. conseguir leite enriquecido en iodo de forma natural. Tribunal da tese O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento 'Estudo sobre o emprego de macroalgas mariñas como suplemento de minerais en vacún de leite en réxime ecolóxico’, desenvolvida por Francisco Rey Crespo e coordinada polas profesoras da Facultade de Veterinaria de Lugo Marta López Alonso e Marta Miranda, estivo presido polo catedrático da USC José Luis Benedito Castellote. María Abuín, do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo; Ana Villar, do Centro de Investigación e Formación Agraria (CIFA) de Cantabria; Manuela Buján, da empresa Porto Muíños, centrada na comercialización de algas das rías galegas, e Víctor Pereira, da USC, tamén formaron parte do tribunal que concedeu a máxima cualificación académica á tese defendida por Francisco Rey Crespo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.12.2014.