Ir o contido principal

Créase a cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia

Fomentar a docencia, investigación e difusión dos coñecementos no campo da Hidroloxía Médica é a finalidade da cátedra institucional que a USC e a Asociación Galega da Propiedade Balnearia acaban de crear logo do convenio asinado este luns en San Xerome. No acto de sinatura interviñeron o reitor Senén Barro e o presidente da asociación Rafael Luaña de la Viña, que estiveron acompañados polo profesor Juan Jesús Gestal Otero, e polo xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor.
A Cátedra institucional de ‘Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, con sede na Facultade de Medicina, encargarase da organización de cursos, seminarios ou conferencias; a promoción da investigación neste eido; así de favorecer a difusión e o coñecemento de todo o relacionado coas aplicacións da hidroloxía no eido da medicina.
Outra das actividades que se fomentarán serán a promoción e organización de cantas actividades académica contribúan a facilitar a reflexión e o debate médico entre profesores e médicos de balnearios. A finalidade é acadar o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da formación médica e universitaria no caso máis concreto dos alumnos da Facultade de Medicina.
O acordo contempla igualmente a creación e mantemento dun fondo bibliográfico e documental sobras as materias específicas da Hidroloxía Médica e as disciplinas con ela relacionadas. Tamén se tentará facilitar a inserción profesional dos estudantes da USC participando nas actividades realizadas pola cátedra. En conxunto, preténdese que a Hidroloxía Médica se vincule cada vez máis estreitamente coa formación das promocións de médicos graduados na USC.
Ao abeiro deste convenio, constituirase unha comisión de seguimento que integrarán, por parte da USC, o vicerreitor de Política Internacional, os membros da dirección da Cátedra, o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía e dous profesores deste centro que por razóns da materia que impartan puideran estar vinculados á cátedra. Por parte da asociación, van conformala o seu presidente e vicepresidente, así como o secretario, tesoureiro, un vocal e o xerente deste colectivo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2009.