Ir o contido principal

Créase o primeiro Club Lectura Virtual Universitario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

O Club pretende fomentar a lectura en galego e portugués
O Club pretende fomentar a lectura en galego e portugués

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) colabora estreitamente coas seis universidades públicas de Galicia e do Norte de Portugal no desenvolvemento de proxectos comúns que contribúan ao fomento e divulgación da cultura galega e portuguesa, no ámbito universitario. Neste marco créase o primeiro Club de Lectura Virtual Universitario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que forma parte dun proxecto mais amplo no que participa a Fundación CEER, orientado á construción dun Espazo Eurorrexional do Coñecemento.
O Club de Lectura Virtual Universitario Galicia-Norte de Portugal consiste no desenvolvemento dunha plataforma electrónica que sirva como punto de encontro da comunidade universitaria galega e portuguesa do norte, e da sociedade en xeral, para o fomento da lectura en galego e portugués.
A iniciativa presentouse este xoves no Instituto Xelmirez I de Santiago nun acto no que participaron o reitor da USC e presidente do CEER, Senén Barro; o director da Fundación CEER, Carlos Ferrás; o responsable do Instituto Camoes en Vigo, Samuel Rego; e o director do centro anfitrión, Manuel López Mejuto.
Lugar de encontroNa procura de novas liñas de actuación para a posta en valor da cultura, no ámbito universitario de Galicia e do Norte de Portugal, así como a súa divulgación rexional, estatal e internacional, a Fundación CEER detectou a necesidade de crear un lugar de encontro dos membros das seis universidades a ambos lados da fronteira, nunha temática con tantos puntos en común entre Galicia e o norte de Portugal como é a súa literatura.
Atopouse así un lugar onde o denominador común é a literatura galega e a súa análise, comprensión e coñecemento, xunto co estudo das súas semellanzas, diferenzas e influencias coa literatura portuguesa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2008.