A creatividade abre xanelas na aula
O grupo de innovación educativa Escola Imaxinada pretende abrir novas xanelas que favorezan e promovan a imaxinación e os procesos creativos no labor que se desenvolve nas aulas, a través do blog ‘Escola Imaxinada’. Esta nova bitácora virtual nace coa pretensión de achegar ás escolas metodoloxías baseadas nas artes, a fin de contribuír así ao deseño de espazos e recursos educativos de calidade para a aula. O grupo Escola Imaxinada reúne un colectivo con base na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC integrado por profesionais do campo das artes, a arquitectura, a filosofía e a educación infantil e primaria.
O blog, cuxo obxectivo último é o de educar a través da arte, amosa accións desenvolvidas ou proxectadas por este grupo de innovación educativa da USC en colaboración con escolas, actuacións todas elas que recuperan a idea de taller ou laboratorio, nos que a aprendizaxe se produce a través da experiencia e do xogo. Nestas propostas de carácter pedagóxico, o profesorado acompaña aos nenos e nenas dándolles materiais, facendo preguntas, respectando os seus tempos e a súa diversidade e non adiantándose a un resultado prefixado.
O establecemento de pontes entre o ámbito cultural-artístico, a formación universitaria e o traballo nas aulas das escolas é unha das premisas dos promotores desta iniciativa, que tamén ambiciona conectar arte, estética, pensamento creativo, reflexión, diversidade, proceso, experimentación e experiencia, segundo indica o profesor da USC Vicente Blanco Mosquera, que coordina o grupo Escola Imaxinada, xunto co seu colega na Facultade luguesa Salvador Cidrás.
Estes dous ensinantes entenden que outras das funcionalidades desta ferramenta dixital pasa por apoiar a tarefa docente na área das artes visuais e plásticas (unha área que carece de especialistas en infantil e primaria), e, en último termo, mellorar a práctica educativa compartindo experiencias que motiven ao profesorado en formación inicial ou en exercicio a repensar o seu traballo docente diario e a metodoloxía que o guía.
As propostas desenvolvidas ata o momento en distintos niveis formativos por Escola Imaxinada, un colectivo co que colaboran Rocio Modia, Estella Freire, Noemí Lodeiro, Sofía Fernández e, entre outras, Amanda Casanova, abranguen un amplo abano de categorías, tal e como son profesorado, infantil, primaria, recursos, referentes, debuxo, volume, deseño, microproxectos ou arte e natureza.
A metodoloxía na que se sustentan as propostas que se presentan está baseada nos procesos creativos propios das artes, entendidos como un campo de acción interdisciplinario que se caracteriza por aprender creando. Os nenos e nenas crean formas significativas para si a partires das súas experiencias, afondan na idea de proceso ao descubrir formas de facer abertas a varios resultados, favorecen a creación dun imaxinario e estilo persoal diferente das respostas estereotipadas e convencionais, ao tempo que se alimenta a experimentación con diferentes materiais, técnicas e linguaxes artísticas.