Ir o contido principal

O CRETUS, parte activa da asemblea xeral do proxecto europeo Atlanteco de estudo dos ecosistemas do Atlántico

O obxectivo do proxecto é estudar os ecosistemas do Atlántico. Foto: Alicedaraujo
O obxectivo do proxecto é estudar os ecosistemas do Atlántico. Foto: Alicedaraujo
A desenvolver esta semana en Vigo, na xuntanza do mércores debaterase a nova lei de Restauración da Natureza

O Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC participa como socio no proxecto europeo Atlanteco, cuxo obxectivo é estudar os ecosistemas do Atlántico e facilitar accións que estimulen un comportamento responsable e o Crecemento Azul para mellorar a xestión dos océanos. O proxecto comezou a súa andaina en 2020 e nel 13 países de Europa, Sudáfrica e Brasil centran as súas investigacións no mapeo de información sobre plásticos, aerosoles e microorganismos ademais do desenvolvemento de ferramentas capaces de avaliar a saúde do océano e predicir os seus cambios. O traballo de campo do proxecto está enfocado a predicir os impactos da contaminación, o cambio climático e as actividades humanas no Océano Atlántico.

Atlanteco desenvolve esta semana en Vigo a súa asemblea xeral nun evento organizado polo profesor da Facultade de Ciencias Económicas da USC e investigador do Cretus Sebastián Villasante e que xuntará máis de 50 persoas expertas dos tres continentes participantes. No encontro, a desenvolver no Edificio Redeiras, o persoal científico compartirá os resultados das súas investigacións con axentes de cambio, representantes da administración e do sector pesqueiro. Entre os asistentes figuran, entre outros, o catedrático de Dereito da UDC Javier Sanz e o coordinador de AtlantECO Daniele Ludiccone.

A Lei Europea de Restauración da Natureza, a debate
Entre os temas a tratar inclúense a presenza de micro plásticos no océano, a avaliación do capital natural, os impactos económicos do cambio climático e o rol fundamental das pradeiras mariñas como secuestradoras de carbono e mitigadoras dos efectos do cambio climático, e por tanto axentes vitais para a seguridade alimentaria e a protección dos hábitats de especies icónicas como delfíns, tiburóns, aves mariñas e toniña.

Ten especial relevancia o debate que terá lugar o mércores 18 sobre a recentemente aprobada Lei Europea de Restauración da Natureza no que participará persoal científico de AtlantECO, axentes de decisión e de cambio xunto a representantes do sector, ONGs, do eido da bioloxía, do dereito, da economía, do mar... Todos e todas elas examinarán as repercusións da lei para os hábitats mariños e para o fomento do desenvolvemento económico das actividades costeiras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2024.