Ir o contido principal

O cuarteto De Vacas abre este xoves en Lugo o ciclo Lubicán coa presentación do seu último traballo ‘Tour Vacanal 2018’

Integrantes de De Vacas
Integrantes de De Vacas
O concerto desta formación galega desenvolverase a partir das 21.00 horas no Círculo das Artes de Lugo. A entrada é libre e de balde ata completar aforo

O grupo musical galego De Vacas, un cuarteto formado por Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández, abrirá este xoves, a partir das 21.00 horas, no Círculo das Artes de Lugo, o Lubicán 2018, unha programación de música ao vivo organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que se alimenta da financiación recibida da USC, Concello e Deputación de Lugo, coa presentación do seu último traballo ‘Tour Vacanal 2018: Novos xites e os 
clásicos de sempre’.

De Vacas é un cuarteto musical composto por unha guitarra e tres voces femininas. Esta formación ten acadado parte do seu éxito por facer versión de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Detrás de cada canción mala hai un corazón que queremos reivindicar, salienta De Vacas.

Cun nome que conecta coa idiosincrasia rural de Galicia e unha estética naturalista propia dunha Frida Kahlo de aldea, o repertorio de De Vacas está cheo de xites que van desde el Gangnam style hasta De noite e de día, de Enrique Iglesias, ou Amodiño, a versión en galego de Despacito, de Luis Fonsi, que arrasou en Youtube.

Malia a esta bagaxe artística De Vacas non quere definirse exclusivamente como un grupo de versións, xa que sosteñen que o seu traballo supón unha transformación total das cancións, ás que retiran o envoltorio comercial para distancialas da composición orixinal. Asemade, a variedade temática e estilística do seu repertorio é tal que resulta difícil definir con tino a De Vacas.

O concerto desta formación galega, o primeiro dos programados no marco do ciclo Lubicán 2018, é de entrada libre e de balde para todo o público interesado ata completar o aforo do salón rexio do Círculo das Artes de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.02.2018.