Ir o contido principal

O cuarto Encontro Internacional sobre Análise do Discurso celébrase en Filoloxía

O encontro desenvólvese na Facultade de Filoloxía (Foto: Santi Alvite)
O encontro desenvólvese na Facultade de Filoloxía (Foto: Santi Alvite)

Entre os días 29 e 30, a Facultade de Filoloxía abre as súas portas ao cuarto Encontro Internacional sobre Análise do Discurso Discurso (International Workshop on Discourse Analysis – IwoDA), unha das xuntanzas de referencia internacional da súa disciplina. A edición compostelá de IWoDA organízaa o equipo de investigación en Lingüística Scimitar do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC que lidera a catedrática Mª de los Ángeles Gómez González e que tamén integra o grupo de investigación Discurso e Identidade que coordina Laura Lojo Rodríguez.

Ao longo destes dous días presentaranse unha serie de traballos que analizan o discurso en lingua inglesa –e/ou en contraste con outras linguas- dende perspectivas diversas (lingüística, literaria, crítica, fílmica, cognitiva, psicolingüística, psicolóxica, sociolóxica ou semiótica, entre outras). Tamén haberá espazo á exhibición de técnicas, metodoloxías e ferramentas que permitan darlle un uso práctico a estas investigacións, co fin de contribuír á innovación investigadora e docente fomentando a transversalidade do coñecemento e a súa transferencia e difusión á sociedade.

En Compostela reuniranse un nutrido número de especialistas procedentes de universidades españolas e estranxeiras. Conforman o comité científico máis e corenta expertos en lingüística, filoloxía, psicoloxía e socioloxía entre os que destacan Ian Parker, Michael Bamberg, Ruth Wodack, Alexandra Georgakopoulou, Gunther Kress, Michael Toolan, Angela Downing, Jan Renkema ou David Kaufer. Ademais, intervirán como conferenciantes convidados Douglas Biber (Northern Arizona University), Hans Boas (University of Texas at Austin) e Maite Taboada (Simon Fraser University), ademais de investigadores consagrados e noveis procedentes de máis de trinta universidades de todo o mundo.

No que atangue ao programa, o medio centenar de estudos seleccionados preséntanse en catro paneis temáticos a fin de dar resposta a outros tantos interrogantes: cáles son as estratexias utilizadas na construción de distintos tipos de discurso; qué características determinan a variación de rexistros lingüísticos en distintos ámbitos; cómo se usan os marcadores discursivos; e cómo se expresan a opinión e a emoción a través da linguaxe. Ademais o profesor Douglas Biber impartirá un seminario práctico para demostrar as vantaxes da aplicación da denominada ‘análise multidimensional’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.09.2016.