Ir o contido principal

As culturas contemporáneas, a debate esta fin de semana no Campus Terra da USC no marco do CulturaLab de Primavera

Cartaz do CulturaLab de Primavera da USC
Cartaz do CulturaLab de Primavera da USC
Investigadores da Fundación Cerezales Antonino e Cinia abren, ás 9.15 horas, na Vicerreitoría de Lugo, este foro temático coa sesión ‘Cara a unha cultura situada’

As culturas híbridas, os novos espazos de experimentación e creación, a diversidade cultural e o dereito á cultura centrarán esta fin de semana temática das distintas sesións programadas no marco do CulturaLab de Primavera da USC, un programa que se desenvolverá os días 20 e 21 de maio na Casa do Saber de Lugo baixo o título ‘Olladas arredor da cultura contemporánea’ e que nesta edición mestura o tradicional formato dos seminarios de análise e debate xurdidos na década de 1960 no Instituto Masculino (IES Lucus Augusti) de Lugo, cos foros abertos do CulturaLab do Campus Terra.

Estruturado en diversos bloques ou áreas temáticas, o CulturaLab de Primavera da USC converterá Lugo na capital da vangarda da cultura contemporánea, a transformar a cidade nun espazo aberto, de encontro e reflexión arredor da cultura, das súas diversas manifestacións, novos espazos e da súa concepción como dereito. A primeira sesión deste foro experimental desenvolverase a partir das 9.15 horas e achegará ao público asistente as culturas híbridas a través dos testemuños e relatos de Nadia Teixeira, Verónica Verdejo e Daniel Díez, compoñentes dun colectivo investigador da Fundación Cerezales Antonino e Cinia, que guiarán unha conversa titulada ‘Cara a unha cultura situada’.

O colectivo Espazo Matroska guiará un foro sobre posibilidades artísticas e comunidades rurais. Unha intervención da compañía DanzaUSCLugo, que interpretará a peza ‘Pulsos’, seguida dun coloquio con Sonia Bello, da Asociación Itínera, sobre saúde mental e cultura, e unha performance no parque Rosalía de Castro, a cargo do grupo de teatro Down Soños, pechará este sábado a sesión matinal do CulturaLab de Primavera da USC.

A programación deste foro experimental arredor da cultura contemporánea seguirá en quenda de tarde cunha conversa sobre diversidade e cultura, na que a xerente da Rede de Museos de Lugo, Encarna Lago, tratará cuestións relacionadas cos museos sociais e sociocráticos. A xornada inclúe tamén a presentación do proxecto piloto ‘Downseño: deseño gráfico con outra mirada’, unha iniciativa desenvolvida por Tatata e Down Lugo.

O profesor do Departamento de Historia da Arte da USC Miguel Anxo Rodríguez achegará ao público presente á experimentación de novos espazos culturais cunha intervención na que viaxará desde os museos ata outros espazos acaídos para a arte. Nesta mesma liña, integrantes do colectivo cultural de arquitectos Benidorm Ergosfera afondarán na metáfora cultural que supón esta cidade alacantina pola efervescencia das múltiples e diversas manifestacións que acollen as súas rúas e prazas.

Un obradoiro participativo sobre a concepción da cultura como un dereito que todas as persoas poden reivindicar, ao tempo que teñen o deber de exercer, servirá o domingo de epílogo deste CulturaLab de Primavera. Esta sesión estará guiada polo comisario de museos e investigador Fran Quiroga. Ao seu remate, a María Roja e Santi Romay protagonizarán a performance ‘Agallope Performers’ no treito da muralla comprendido entre as portas de Santiago e Bispo Odoario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.05.2017.