Ir o contido principal

O curso 2017-2018 do IV Ciclo Universitario da USC bota a andar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra

Alumnado do IV Ciclo da USC, na apertura do curso 2017-18 na EPSE do Campus Terra
Alumnado do IV Ciclo da USC, na apertura do curso 2017-18 na EPSE do Campus Terra
O prazo de matrícula no programa de formación de maiores de 55 anos permanece aberto ata o 15 de setembro na Unidade de Xestión Académica do campus lugués

O programa do IV Ciclo Universitario da USC para o curso 2017-2018 bota a andar este luns no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, cunha sesión de presentación da oferta académica e dos prazos de matrícula para o novo exercizo académico.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; a directora do IV Ciclo Universitario da USC, Esther Olveira Olveira, e a coordinadora deste programa de formación de maiores de 55 anos na sede universitaria luguesa, Teresa Rodríguez López, participaron neste acto de presentación do IV Ciclo da USC no campus de Lugo.

O programa académico do IV Ciclo Universitario no campus de Lugo comezará a desenvolverse a comezos de outubro, aínda que o prazo de matrícula nestes estudos permanecerá aberto ata o 15 de setembro. As persoas maiores de 55 anos interesadas en participar nas distintas actividades formativas programadas ao abeiro desta iniciativa poderán formalizar xa a súa inscrición na Unidade de Xestión Académica do campus lugués.

A oferta de materias incluídas no programa do IV Ciclo Universitario é moi ampla e abrangue unha temática diversa na que se inclúen materias relacionadas co territorio e a paisaxe, educación ambiental, historia da cidade de Lugo, literatura galega, biodiversidade e conservación, informática, alimentación saudable, zooloxía, historia, botánica forestal, fundamentos de psicoloxía, técnicas de microscopía, cultura e paisaxe, agricultura a pequena escala, análise do mundo rural, historia de Europa, fisioloxía e saúde, patrimonio cultural, historia da arte, xornalismo e socieddae, ópera, teatro e cine; estrutura política económica, astronomía, astrofísica, xeografía, intelixencia emocional, riscos naturais, ecoloxía e desenvolvemento sustentable, danza, francés, italiano ou participación social e voluntariado.

De esquera a dereita, Rodríguez, Olveira e Bueno, antes da sesión inaugural Alumnos e docentes do IV Ciclo da USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2017.