Ir o contido principal

O curso 2020-2021 comezará o 7 de setembro

Reunión do Consello de Goberno. FOTO: Santi Alvite
Reunión do Consello de Goberno. FOTO: Santi Alvite
A oferta de prazas da Escola Infantil Breogán e a adhesión á Declaración de Helsinki sobre o multilingüismo na comunicación científica foron outras das cuestións tratadas polo Consello de Goberno da USC
Lugo, Santiago de Compostela

O curso académico 2020-2021 organizarase en dous períodos académicos e abarcará dende o día 1 de setembro de 2020 ao 31 de agosto de 2021, tal e como aprobou este venres o Consello de Goberno da USC. Porén para os efectos de defensa de Traballos Fin de Grao e Fin de Máster e de realización de prácticas curriculares e extracurriculares o curso rematará o 30 de setembro de 2021.

O primeiro período para a impartición de docencia iniciarase o día 7 de setembro de 2020 e rematará o 22 de decembro de 2020. Os másteres oficiais poderán retrasar o comezo do curso ata o 21 de setembro de 2020. O segundo período para impartición de docencia iniciarase o día 1 de febreiro de 2021 e rematará o día 14 de maio de 2021. Con independencia da data de defensa, a entrega dos TFG/TFM para defender no mes de setembro terá como data límite o 30 de xullo de 2021, ou o 4 de setembro de 2021, se así o determinan os Centros para todas ou algunha das titulacións que imparten. Os centros poderán asemade solicitar a adaptación do calendario no caso das titulacións interuniversitarias, en función do calendario global da titulación. 

Declaracións de intencións

Na reunión deste venres deuse luz verde tamén ás declaracións de intencións con modificacións substanciais de titulacións de grao e mestrado, así como aos dos novos títulos. No caso dos graos, aprobáronse os documentos relativos ao grao en Intelixencia Artificial da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, así como ao do grao en Xestión Cultural da Facultade de Humanidades. No caso dos mestrados, aprobáronse os documentos correspondentes ao Máster en Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e o Máster en Ensino de Español como Lingua Estranxeira. 

Escola Infantil Breogán

No marco do compromiso institucional da USC coa responsabilidade social e as políticas de conciliación da vida laboral, persoal e familiar, establecidas no II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2014-2018, o Consello de Goberno aprobou este venres a convocatoria de prazas na Escola Infantil Breogán (EIB) para os membros da comunidade universitaria. Na sesión deste venres tamén se aprobou a convocatoria para a adxudicación de axudas para a escolarización dos nenos e nenas menores de tres anos no Campus de Lugo para o curso 2020-21. 

Declaración de Helsinki

A reunión serviu tamén para adherirse á iniciativa Helsinki sobre o multilingüismo na comunicación científica. Este é un movemento que pretende promover o uso de linguas diferentes do inglés na comunicación académica. Ten a súa orixe en xaneiro de 2019, nunha xuntanza celebrada nesa cidade para debater sobre a presenza das diferentes linguas na comunicación no eido da ciencia. Nesa xuntanza fíxose evidente que o desexo dunha comunicación académica multilingüe se vía dificultada polo xeito en que a investigación se financia, se avalía e se valoriza; e tamén que diferentes países e diferentes linguas compartían problemas moi semellantes. Apoiar a difusión de resultados de investigación en beneficio da sociedade; protexer as infraestruturas nacionais que permiten a publicación da investigación local relevante; e promover a diversidade lingüística nos sistemas de avaliación e de financiamento da investigación, son algunhas das recomendacións que establece o documento. 

Outros asuntos

O Consello de Goberno tamén tratou a solicitude de cambio de área de Profesores Asociados de Ciencias da Saúde nas áreas de Uroloxía e Traumatoloxía, autorización para a contratación de profesorado interino en prazas incluídas en OEP aprobadas, memorias de permiso sabático, memorias de estudos propios e o logotipo da cátedra institucional Juana de Vega. O Consello aprobou as propostas de Empresas de Base Tecnolóxica (EBT) de Flowreserve S.L., Inverbis S.L, e Smart Vitamins S.L. A oferta de prazas de grao, máster e doutoramento abordarase na vindeira sesión do Consello de Goberno. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2020.