Ir o contido principal

Un curso abordará en Ciencias da Comunicación a configuración da paisaxe fílmica galega

Cartel do curso
Cartel do curso
Os vindeiros 4 e 5 de outubro profesionais da creación e persoal investigador reflexionarán neste foro organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais
Santiago de Compostela

O Grupo de investigación de Estudos Audiovisuais (GEA) da Universidade de Santiago de Compostela organiza o curso ‘A configuración da paisaxe fílmica galega: da luz á memoria’ na Facultade de Ciencias da Comunicación os vindeiros días 4 e 5 de outubro. O obxectivo é reflexionar sobre a construción cinematográfica da paisaxe galega na contemporaneidade, para o que se estudarán os seus elementos constitutivos, as súas relacións coa pintura e a fotografía, a súa evolución visual e as concomitancias con outras tradicións fílmicas.

O primeiro día, en sesión de tarde, abrirá o Bloque I, ‘Anatomía da construción fílmica da paisaxe’, a investigadora e docente da USC Mª Soliña Barreiro. A seguir, o escritor e fotógrafo Vítor Vaqueiro profundará no imaxinario da construción paisaxística galega e a directora de fotografía Lucía Catoira Pan centrarase na luz da paisaxe. Para finalizar, o profesor e investigador da UDC Pablo Gallego Picard reflexionará sobre a construción fílmica do espazo xunto coa proxección da obra do mesmo autor ‘Unha viaxe por Galicia (1929-2009)’, co acompañamento musical de Xurxo Souto e Pulpiño Viascón.

O mércores 5 abrirá o Bloque II, ‘As paisaxes do cinema galego’, a crítica e investigadora Sara Donoso coa análise das relacións pictóricas e fílmicas no cinema galego contemporáneo. Despois, o profesor e investigador da Universidade de Coimbra Iván Villarmea centrarase nas periferias e paisaxes rururbanas no cinema galego e portugués do século XXI. Coma fin do curso, Eloy Enciso reflexionará como director sobre a construción do espazo cinematográfico e narrativo en ‘Longa Noite’ e ‘Arraianos’, seguido da proxección desta última obra.

O estudo terá unha vertente teórica con leccións maxistrais, debates posteriores e construcións colaborativas nas sesións cos investigadores. Tamén, contará cunha liña práctica, na que se interrogará a creadores e creadoras contemporáneos sobre a construción da paisaxe nos seus filmes dende o visionado da propia obra e a reflexión sobre os procesos produtivos. Este traballo permitirá desenvolver una reflexión interdisciplinaria sobre a importancia da paisaxe e do territorio na cultura e na identidade galega mais dende o eido da imaxe; conectar a reflexión académica e artística coas inquedanzas contemporáneas sobre a vertebración do espazo galego; poñer en valor territorio e artes visuais na construción dun patrimonio compartido e explorar as actitudes cinematográficas cara a paisaxe como un xeito de reflexión sobre o territorio e a identidade.

O seguimento do curso permitirá convalidar un crédito ECTS. A preinscrición é ata o vindeiro 2 de outubro e a matrícula é de balde ata o día 3 do mesmo mes, mais cómpre formalizalas a través da secretaría virtual.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2022.