Un curso abordará as particularidades da xestión dunha empresa familiar
As particularidades da xestión dunha empresa familiar dende múltiples perspectivas son o elemento común dun curso que se achegará a este tipo de sociedades entre o 18 e o 21 de xullo baixo a dirección de Begoña Barreiro Fernández no Salón de Graos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. O encontro conta con co financiamento da Cátedra de Empresa Familiar da USC.
A primeira xornada permitirá ás persoas que se inscriban contextualizar o tema de estudo cunha serie de intervencións que abordan o concepto de empresa familiar, as diferenzas coa empresa tradicional, remedios fronte á crise e cuestións relacionadas coa sucesión. Xa o día 19, ademais dunha serie de visitas está programado un obradoiro de xestión de conflitos familiares así como un debate arredor do tratamento dos conflitos e a colaboración neste tipo de sociedades.
Ademais de novas visitas de campo, o día 20 será a quenda da fiscalidade así como de coñecer as posibilidades que ofrece o programa Uniemprende da USC de apoio á creación de empresas. Para completar o programa, estudarase o caso de Bricoking e de Inditex, ademais de prestar atención á dirección de márketing no ámbito familiar.
Matrícula
A matrícula xa se pode formalizar tanto a través da web como de xeito presencial e estenderase ata aproximadamente dez días antes antes do inicio do curso en cuestión.
Sempre e cando se asista ao 80% das horas lectivas, as persoas inscritas recibirán un diploma acreditativo da súa participación. A USC recoñece os cursos de verán 2016 a efectos de créditos para o estudantado: dous créditos para cada curso de 25 ou máis horas e un crédito polos de menos de 25 horas (en todo caso, ata un máximo de seis créditos en total). A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de máis carga lectiva e de 70 para os de menos de 25 horas. Ademais, existe unha taxa reducida (de 70 e 40 euros, respectivamente) aplicable a alumnado universitario, de bacharelato ou de formación profesional, pensionistas, persoas en situación de desemprego, socios/as da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC e PDI e PAS da USC.