Un curso de actualización sobre diagnose e tratamento clausura o primeiro máster propio de enfermidades metabólicas hereditarias
O reitor Juan Viaño clausurará este sábado 2 de decembro o curso de actualización en diagnose e tratamento das enfermidades metabólicas hereditarias co que rematará a programación do máster propia da USC dedicado especificamente a este tipo de doenzas. A sesión de clausura, ás 13.00 horas no Hotel San Francisco, contará coa presenza do director xeral de Sanofi Genzyme España, Francisco Vivar; do decano da Facultade de Medicina, Julián Álvarez, e da directora do Centro de Diagnose e Tratamento de Enfermidades Metabólicas Conxénitas do CHUS e directora do curso, Mª Luz Couce.
Con anterioridade, a partir das 11.30 horas, o catedrático da Universidade de Zaragoza e ex presidente da European Society of Human Genetic, Feliciano J. Ramos Fuentes, pronunciará unha conferencia sobre a situación actual e perspectivas de futuro da medicina xenómica. Este curso de actualización celébrase ao longo de todo o venres e na mañá do sábado.
O máster de Enfermidades Metabólicas Hereditarias está dirixido á actualización profesional a través da formación especializada na diagnose, tratamento e atención integral das condicións médicas pouco comúns destas doenzas, entre as que se inclúen máis de 7.000 enfermidades consideradas raras. Nesta primeira edición matriculáronse máis de medio cento de profesionais procedentes de institucións sanitarias, universidades e centros de investigación de toda España e doutros países.
O cadro docente do máster intégrano 84 profesores de 26 universidades e centros de investigación sanitaria de cinco países. Entre outros, atopábanse especialistas en pediatría, neonatoloxía, medicina interna, endocrinoloxía, bioquímica, xenética, gastroenteroloxía, investigación básica, nutrición ou análises clínicas. Este posgrao é unha actividade enmarcada na programación da Cátedra homónima creada hai dous anos coa colaboración de Sanofi Genzyme para promover actividades innovadoras no ámbito da docencia co obxecto de que redundasen na difusión, coñecemento e na aplicación do desenvolvemento científico á asistencia clínicas da enfermidades metabólicas hereditarias.
Xuntanza cátedra
A Cátedra celebrou este venres na Facultade de Medicina unha xuntanza de seguimento das actividades realizadas así como da planificación cara ao futuro coa presenza das profesoras Rosaura Leis Trabazo e Mª Luz Couce Pico e do profesor José Mª Fraga Bermúdez, responsables da dirección da cátedra e do máster homónimo, así como do director xeral de Sanofy Genzyme, Francisco Vivar.
Este último explicou que a colaboración da súa compañía coa USC neste campo entronca cos seus obxectivo empresariais fundamentais como son “o achegamento á sociedade do coñecemento das enfermidades metabólicas hereditarias reflexado igualmente no noso compromiso coa investigación e a innovación, así como coa formación sobre estas patoloxías a través de colaboracións con entidades oficiais e académicas”. Neste senso, engadiu que “este primeiro máster, único no noso país, é un claro exemplo deste compromiso”.
De esquerda a dereita, Julián Fernández, José Mª Fraga, Francisco Vivar, Francisco del Val, Álvaro Hernández e Cristóbal Colón