Ir o contido principal

Un curso avaliará as últimas propostas españolas e europeas na loita contra a fraude fiscal nun contexto de crise económica

O curso ‘A loita contra a fraude fiscal nun contexto de crise económica: últimas propostas españolas e europeas’ analizará a incidencia da actual crise económica na adopción de actuacións de prevención e loita contra a fraude fiscal para a contención do déficit público. Ademais prestará atención á viabilidade e eficacia das normas aprobadas para loitar contra prácticas fraudulentas, a partir da análise da realidade da fraude e a evasión fiscais na UE e das medidas adoptadas no eido da Unión Europea para afrontar esta realidade. No Salón de Graos da Facultade de Dereito, entre os días 17 e 19 de xullo, este curso ten unha carga lectiva de 20 horas e conta co financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade e do Sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda. Entre o claustro de relatores/as que impartirán as distintas sesión atópanse estudosos/as das universidades Complutense de Madrid, de Valencia, Pompeu Fabra, A Coruña ou La Laguna, ademais de investigadores/as da propia USC, profesionais da avogacía e representantes de diversos partidos políticos, da Generalitat de Catalunya, do Consello Consultivo de Galicia ou da Xunta de Galicia. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a web da Universidade de Verán.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2013.