Un curso eminentemente práctico trata a educación matemática en contextos de inclusión
Desenvolver boas prácticas inclusivas no ámbito da educación matemática e analizar as causas do fracaso escolar nesta materia do alumnado de condicións persoais dentro das NEAE son os principais obxectivos do curso de verán que se desenvolverá do 12 ao 15 de xuño na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte), dirixido por María Teresa Fernández Blanco. A matrícula pode formalizarse a través da web ata o próximo 2 de xuño.
Entre os relatores figuran profesores universitarios e de ensino medio de toda España así como membros de asociacións educativas, que reflexionarán sobre a importancia das emocións e crenzas sobre as matemáticas na aprendizaxe do alumnado.
Ademais, traballaranse contidos matemáticos en contextos interdisciplinares a través de numerosos obradoiros prácticos como xeometría de papel, matemaxia, bloques rítmicos, razoamento matemático con calculadora, xeometría dinámica, a matemática de goma ou mesmo un de medición da concentración do CO2 nun refresco de cola.