Un curso ensina a construír e manipular marionetas en Lugo
O curso de ‘Construción e manipulación de marionetas’ comeza este venres 11 no campus de Lugo coa participación de 16 persoas, que cobren a totalidade das prazas que se ofertaban.
Esta acción formativa desenvolverase os días 11, 12, 18 e 19 na Aula de Teatro e Danza, en horario de 17:00 a 21:00 horas os venres e de 10:00 a 14:00 horas e 16:00 a 20:00 horas os sábados, impartida polos profesores Marcelino de Santiago (Kukas) e Isabel Rey.
Marcelino de Santiago e Isabel Rey fundaron en 1979 en Santiago de Compostela ‘Monicreques de Kukas’, a compañía de teatro de marionetas máis antiga de Galicia e unha das máis estables do panorama teatral galego. O seu traballo céntrase na investigación e creación de novos prototipos de marionetas que lles permiten realizar espectáculos de grande formato dirixidos a todo tipo de públicos. Nos seus trinta anos de funcionamento, a compañía produciu máis de 30 montaxes teatrais, entre espectáculos de teatro con marionetas, pasarrúas e teatro de actor.