Un curso explorará o legado medieval na arte, a sociedade e a cultura actual
Das humanidades dixitais a J.R.R. Tolkien, novos horizontes nos estudos medievais é o lema da edición 2016 do curso ‘ Retazos da arte, sociedade e cultura na Idade Media Europea’. Marta Cendón Fernández e Mª Dolores Fraga Sampedro dirixen este curso que busca contribuír ao coñecemento da sociedade e a cultura da Idade Media e de todo o seu legado, “facendo especial fincapé nesto último, ao apreciar o mundo medieval dentro das novas estruturas contemporáneas”, aclaran os seus promotores.
O programa achega unha visión global e plural da arte e a cultura hispana e europea do medievo e das súas manifestacións actuais na literatura, a historia ou a historia da arte. O curso celebrarase entre os días 8 e 10 de xuño no Salón de Actos do Instituto de Estudos Galegos ‘Padre Sarmiento’ cunha carga lectiva de 25 horas. Na primeira sesión están previstos unha serie de relatorios sobre os instrumentos medievais, a danza macabra, a linguaxe xestual na iconografía dos Beatos ou a visión medieval romántica no mundo audiovisual.
O día 9 de xuño, desenvolverase unha visita cultural á exposición ‘Con-fío en Galicia: vestir Galicia, vestir o mundo’ na Cidade da Cultura de Galicia e pola tarde, a partir das 16.30 horas outra ao mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. No terceiro día, as temáticas de debate serán as humanidades dixitais, a lírica trobadoresca galego-portuguesa, a innovación poética na lírica galego-portuguesa ou o repertorio artúrico contemporáneo e as súas relacións co ciclo da Terra Media de Tolkien.