Un curso de formación continua da USC achéganos á historia cultural e social do viño
Achegarse á historia cultural e social do viño tanto en Galicia coma no conxunto español é o propósito do curso de formación continua ‘Historia da cultura e cata do viño’ que se desenvolverá ao longo do mes de marzo na USC e para o que aínda quedan vacantes. Entre outras cuestións, no curso analizarase o valor do viño como alimento e a restrición no seu consumo prevista na Lei do Alcol, que recentemente viu interrompida a súa tramitación polo Ministerio de Saúde.
O subdirector xeral de Industria e Calidade Agroalimentaria, Ricardo Rivas, e o director do curso e profesor da USC, Xavier Castro, autor do libro A la sombra ejemplar de los parrales -merecedor do Premio Nacional de Gastronomía Álvaro Cunqueiro 2006-, foron os encargados de presentar esta mañá en Fonseca esta actividade, homologable por un crédito de libre configuración.
As clases serán impartidas os luns e mércores do 1 ao 31 de marzo na Facultade de Xeografía e Historia polo catedrático Xavier Castro, especialista en historia do viño e a alimentación, e por Vanessa Paz, enóloga e profesora de cata na vinoteca ‘Las añadas del siglo’ onde se impartirán as sesións prácticas. Xa para os meses de abril e maio está prevista a realización da edición de perfeccionamento deste mesmo curso, xa profundando das novas perspectivas. Ademais, inclúese unha visita a adegas para, in situ, coñecer a problemática e aspectos técnicos desta cultura.
Ampla temáticaNo módulo dedicado á cultura do viño explicarase o valor tradicional deste como produto de primeira necesidade. Ata non hai moito tempo desempeñaba un amplo repertorio de funcións, dende ser parte imprescindible da alimentación ata recurso calorífero para combater o frío no inverno, pasando por un ingrediente insubstituíble no trato social e sen esquecer a súa condición de substancia pracenteira. Esta polivalencia, argumentan os organizadores, facía do viño un recurso vital “do que resultaba difícil prescindir”.
O viño como símbolo identitario, o seu erotismo, a historia do gusto, os factores socioculturais na base da preferencia polo branco ou tinto, a polisemia, a simboloxía ou a súa relación coa gastronomía ou a muller serán outros dos temas a tratar neste módulo inicial.
Lei polémicaO debate do viño en calidade de alimento entronca co proxecto de lei cuxo proceso foi finalmente paralizado polo Ministerio. A cuestión, argumentou Xavier Castro, consiste en saber qué e o viño, que de ser tratado polas súas características alimentarias “quizais o faga merecente dun tratamento lexislativo distinto ao resto das bebidas alcohólicas”.
Coincidiu Ricardo Rivas en poñer en cuestión o proxecto de lei ministerial, que afectaba ao viño fundamentalmente no tocante ao consumo público e á promoción e o equiparaba co resto de bebidas alcohólicas. “Os obxectivos da lei son loables” dado o cada vez maior consumo de alcohol polos mozos, afirmou, “pero tratar de relacionar ese consumo abusivo de alcohol co do viño non é real”.
CatasXa coa pretensión de darlle un carácter formativo ás clases teóricas, os coordinadores do curso crearon unha aula específica de cata onde tanto afeccionados como amateurs poderán profundar no coñecemento das técnicas de cata do viño e doutra serie de aspectos relacionados con el. Téntase que o alumno dispoña dunha ampla visión da cultura vitivinícola, non só no que concirne á súa degustación, senón tamén no vencellado coa súa procedencia, proceso de elaboración, conservación ou posta en escena.
O sector vitivinícolaEn Galicia, segundo datos ofrecidos por Ricardo Rivas na presentación, o sector vitivinícola ten un peso específico importante dentro do agrario, supoñendo o 10% da produción. A facturación das cinco denominacións de Orixe existentes –Ribeiro, Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra e Rías Baixas- supera hoxe os cen millóns de euros, rexistrándose 18.000 viticultores e 450 adegas que elaboran caldos de calidade. Datos que avalan, segundo o subdirector xeral, a realización do curso que hoxe se presentou, que “vai na liña” de promover a cultura do viño “e o seu consumo responsable”.