Ir o contido principal

O curso de fotografía da natureza da Fundación USC Deportiva desenvolverase o vindeiro mes

O curso de fotografía da natureza da Fundación USC Deportiva desenvolverase o vindeiro mes
O curso de fotografía da natureza da Fundación USC Deportiva desenvolverase o vindeiro mes

A Fundación USC Deportiva organizará o vindeiro mes de outubro en Santiago de Compostela un novo curso de fotografía de natureza no que se transmitirán as pautas básicas desta modalidade que vai dende a fotografía de paisaxe á de plantas e animais. O curso impartirao o fotógrafo Andrés Fraga, profesor de Fotografía Contemporánea na Facultade de Xornalismo da USC ademais de contar con máis de 10 anos de experiencia como profesional e de ter traballado para El País así como para varias publicacións estranxeiras. Todos as persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición a través da páxina web da web da Fundación www.fundacionuscdeportiva.org. O custe do curso é de 85 € e as prazas son limitadas (máximo doce participantes) polo que se recomenda realizar a reserva de praza o antes posible xa que se respectará rigorosamente a orde de inscrición para a súa adxudicación. O curso constará de tres sesións. A primeira delas, o venres 3 de outubro, será teórica e nela revisaranse as principais técnicas e métodos dos diferentes tipos de fotografía de natureza. A seguinte, o domingo 5 de outubro, consistirá nunha ruta guiada por un monitor coa finalidade de que durante o percorrido se apliquen as técnicas explicadas con anterioridade e ademais promover a realización de fotografías para que o alumnado experimente co medio natural e deste xeito poidan xurdir dúbidas que resolverá o profesor e que facilitarán a aprendizaxe. Na terceira parte do curso, a desenvolver o venres 10 de outubro, visualizaranse as imaxes que se realizaron na saída previa e farase unha posta en común das fotografías que se comentarán en conxunto coa finalidade de reforzar os coñecementos aprendidos nas sesións anteriores. A duración total do curso será de 14 horas e as sesións desenvolveranse na aula 5 da Facultade de Dereito a excepción do roteiro que se desenvolverá no Sarela e Monte Pedroso. Pódese ampliar a información sobre esta e outras actividades da Fundación USC Deportiva a través da páxina web www.fundacionuscdeportiva.org.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2014.