Curso gratuíto de ‘Iniciativa emprendedora’ para estudantado dos másteres da USC
A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e Uninova colaboran na realización de ‘Iniciativa emprendedora’, actividade teórico-práctica de carácter gratuíto dirixida principalmente a persoas matriculadas nalgún máster da USC. O programa impartirano a Escola de Organización Industrial, decana das escolas de negocio en España e pertencente ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que está especializada na posta en marcha de empresas xa que participou na xeración de varios miles de proxectos empresariais tanto dentro como fóra de España. O proceso formativo consta dunha parte lectiva, de 30 horas de duración, na que se transmiten conceptos imprescindibles para a creación dunha empresa e refórzase con 40 horas de titorización a distribuír entre todos os grupos de traballo. Os módulos a impartir na fase lectiva referiranse ao ecosistema do emprendedor, estratexia, innovación, finanzas, mercadotecnia, operacións, propiedade Intelectual e Comunicación. En simultáneo crearanse grupos de traballo entre os participantes, cada un dos cales elaborará un plan de negocio partindo dunha idea de empresa a desenvolver co apoio dun titor durante as seis semanas de duración do curso. Finalmente realizarase unha presentación de cada proxecto ao resto dos alumnos ou posibles inversores como exercicio práctico de comunicación. Esta iniciativa, xa en marcha no Campus de Lugo, comezará o seu desenvolvemento en Santiago a partir do día 6 de maio. As clases terán lugar na aula de formación do Edificio Emprendia todos os luns do mes de maio (os días 6, 13, 20 e 27) e os dous primeiros de xuño (6 e 13), en horario de 16.00 a 21.00 horas. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse aos teléfonos +34 881815593 +34 881815595 +34 881815596. A inscricións pode formalizarse no seguinte enlace: http://www.eoi.es/portal/redepyme/curso/597/iniciativa-emprendedora-santiago-de-compostela-universidad-de-santiago-de-compostela?EOI_tipoPagina=-5.