O curso 'As literaturas infantís e xuvenís ibéricas' analiza na súa sexta edición a poesía infantil actual
Un ano máis, a Rede temática de Literatura infantil e xuvenil da USC e, este ano, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística) poñen en marcha o VI Curso de formación continua ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora’ no que se tratará a Poesía Infantil no século XXI.
Con este curso trátase de formar ao alumnado nunha temática xeralmente excluída dos planos de estudo das carreiras universitarias e dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación lectora e a expresión escrita no mundo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Preténdese así mesmo analizar estas literaturas dende un enfoque comparativo para dar a coñecer que axentes literarios se presentan máis débiles en cada ámbito lingüístico.
Ademais de repasar a produción do período en cada unha das linguas do marco ibérico pero tamén en brasileiro e noutras linguas como o inglés e o alemán, ofrecerase unha selección para a educación literaria, comentarios sobre algunha delas, encontros con escritores e profesionais de distintos sectores do ensino, recitais e talleres de plástica e literarios.
A matrícula do curso, que codirixen a profesora da USC Blanca Ana Roig e Pedro Lucas Domínguez, da Biblioteca Fundación Caixa Galicia, pecharase o 15 de xuño.