Ir o contido principal

Un curso en Matemáticas introduce a estudantes, docentes e investigación en formación na xenética cuantitativa

Entre os días 1 e 5 e do 9 ao 12 de decembro, un curso na Facultade de Matemáticas introducirá a estudantes, docentes e investigadores en formación matemática na xenética cuantitativa. O seu obxectivo é propoñer unha introdución conceptual e práctica dos obxectivos e protocolos da xenética cuantitativa que permita poñer en valor coñecemento en matemáticas, estatística e programación para aplicalos neste campo da bioloxía. As distintas sesións programadas impartiranas o catedrático de Xenética da Facultade de Veterinaria da Universidade de Zaragoza, Luis Varona Aguado; o profesor do Departamento de Bioloxía Celular e Ecoloxía da USC Carlos García Suárez; e o profesor do Departamento de Xenética da Facultade de Veterinaria da USC José M. Castro Álvarez. En sesións de dúas horas, revisaranse cuestións relacionadas coas leis da herdanza de Mendel, os valores reprodutivos e a herdabilidade, estimacións de compoñentes de varianza e covarianza, resposta á selección e resposta correlacionada ou detección de pegada da selección con datos xenómicos, entre outros. O curso organízase no marco do proxecto de investigación ‘Development and application of the NOIA model in quantitative genetics analysis’ en colaboración co Instituto de Matemáticas da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.12.2014.