Ir o contido principal

O curso ‘Novas fronteiras na igualdade de oportunidades’ reflexionará sobre a educación para a igualdade de trato

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2011

Repensar a violencia na escola, convivencia, educación relacional e emocional e comunicación, son os eixos temáticos do curso ‘Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: educar para a igualdade de trato’, que se celebrará en Lalín do 19 ao 22 de xullo co cofinanciamento do Concello de Lalín e da Secretaría Xeral de Igualdade. Psicólogos, educadores, psicopedagogos, mestres e formadores en materia de xénero integran o cadro de relatores que achegarán aos asistentes as súas reflexións sobre a violencia de xénero ou a violencia contra a infancia, a convivencia sostible na escola, a corresponsabilidade entre os centros educativos e as familias, coaching educativo e igualdade de trato, diversidade sexual ou imaxe, xénero e educación, entre outros asuntos. Neste curso daranse cita ademais dos diversos profesionais implicados, representantes da administración estatal e autonómica con competencias en cuestións de igualdade, infancia e violencia, así como expertos universitarios, docentes do ensino secundario e do Seminario Galego de Educación para a Paz.

Para acadar máis información, o curso conta coa súa propia páxina web (http://www.lalin.org/igualdade/) ou tamén a través do enderezo http://www.usc.es/cultura/uveran35_11.htm. Recoñecido como formación permanente do profesorado non universitario pola Consellaría de Educación, o curso admitirá ata un máximo de 350 persoas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.07.2011.