Un curso sobre periodismo deportivo impartirase en Guitiriz no mes de xullo
A Universidade de Santiago impartirá a partir do 17 de xullo o seminario titulado ‘Comunicación e deporte’ no que se analizará a realidade actual do periodismo deportivo nos diferentes soportes informativos. O obxectivo marcado para as 22 horas lectivas que se desenvolverán en tres xornadas é o de crear un espazo de reflexión no que se aborden as particularidades da comunicación deportiva desde distintos ángulos.
Neste seminario dirixido por Eugenio Rodríguez Núñez, a relación entre medios de comunicación e deporte abordarase nunha dobre dirección. Dunha banda, botarase unha ollada á relación da comunicación co deporte e, doutra, na dirección contraria, a relación do deporte coa comunicación, analizando nos dous casos as mutuas sinerxías.
A finalidade das clases será realizar unha análise da situación actual, cos desafíos e retos no tratamento da información deportiva, e debater sobre o tratamento e o impacto informativos das disciplinas máis minoritarias, afondando nas particularidades de cada medio, audiovisual, escrito, radiofónico e Internet.
Así, daranse a coñecer experiencias e traballos levados a cabo por profesionais de diferentes medios de comunicación e institucións que desenvolven a súa actividade profesional como xornalistas deportivos.
A taxa xeral de matrícula para este curso que remata o 19 de xullo é de 70 euros. Existe un prezo reducido, de 40 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 3 de xullo), xa está aberto.