Ir o contido principal

Curso práctico de escenografía virtual 3D e sets virtuais interactivos en tempo real

Curso práctico de escenografía virtual 3D e sets virtuais interactivos en tempo real
Curso práctico de escenografía virtual 3D e sets virtuais interactivos en tempo real
UNIVERSIDADE DE VERÁN 2015

Dous dos mellores deseñadores de escenografía virtual Brainstorm na actualidade, Miguel Jiménez Moya e Enrique Beneyto, impartirán entre o 23 e o 26 de xuño en Santiago un curso de verán sobre escenografía virtual 3D e sets virtuais interactivos en tempo real. O curso, cuxo prazo de inscrición remata este venres 12, desenvolverase no Plató Virtual da Facultade de Ciencias da Comunicación. O curso ‘Innovación en escenografía virtual avanzada: Aston 3D Suite e Infinity Set de Brainstorm Multimedia’ pretende, a través dunha inmersión eminentemente práctica, coñecer a fondo a contorna da escenografía virtual avanzada, unha constante na produción audiovisual contemporánea. Entre outros contidos, experimentaranse cuestións como a concepción do set, o potencial do espazo virtual, a creación de cámaras, o manexo do software Infinity Set, o traballo con actores ou a gravación. Brainstorm Multimedia é unha transnacional española con máis de vinte anos de experiencia en investigación e desenvolvemento de escenografía e grafismo virtuais 3D en tempo real. Conta cunha carteira mundial de clientes que inclúe CNBC, BBC, Aljazeera, TSR, NTV, KBS, NBC, ESPN, RTL, DC2 Media, Pentagon, NHK, RAI, Thomson Reuters, Nasdaq ou TVE. O seu liderado internacional baséase nun software vangardista que achega solucións en tempo real ás múltiples esixencias gráficas e de difusión de procesos electorais, novas, deportes, concursos, etc., dende gráficos de cabeceiras ou xenéricos de titulación, ata complexos proxectos de estudos virtuais interactivos con realidade aumentada. Profesorado Miguel Jiménez Moyaé Designer & Virtual Graphics Operator no equipo de deseño, desenvolvemento e QA (Quality Assurance) de Brainstorm Multimedia. Como especialista en deseño de liñas gráficas e sets virtuais en tempo real e formador de eStudio, Aston 3D, Easy Set e outros productos BM, desenvolveu innumerables formatos e aplicacións gráficas no eido nacional e internacional. Pola súa banda, Enrique Beneyto é asesor de Proxectos e deseñador gráfico en BM. Na súa traxectoria profesional destacan numerosos especiais electorais en Antena3, TVE e BBC-UK, ou concursos como ‘La ruleta de la Suerte’ (A3 TV). Foi ademais responsable de instalación e capacitación de produtos BM para MBC (Corea), IDS (EEUU), TV Azteca (México) ou AlMayadeen (Líbano).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2015.