Un curso profunda nas particularidades do sistema LaTeX para a composición de textos científicos
O LaTeX está concibido como un sistema para a composición de textos, de xeito particular para a creación de libros, documentos científicos e técnicos nos que se mostran fórmulas matemáticas. Do 19 ao 23 de xullo, será obxecto de estudo na Facultade de Matemáticas no transcurso do curso de verán ‘ Textos científicos: LaTeX’ que dirixe Rosana Rodríguez López. O programa docente, que se desenvolverá na Aula 6 e nas Aulas de Informática 2 e 3 do centro compostelán, ten oitos bloque temáticos. Na sesión do día 19 abordaranse os tres primeiros, nos que se explicarán que é LaTeX, as súas vantaxes fronte outros sistemas e como dar os primeiro pasos con este sistema, facendo un achegamento aos seus elementos básicos. Nos días restantes, as persoas matriculadas entrarán en contacto coa utilización dos diferentes campos; elaboración de documentos completos; escritura de textos de diferente tipoloxía; utilización de símbolos, carácteres especiais, espazos, arrays ou matrices; manexo de táboas, gráficos ou referencias; e conceptos básicos de Beamer. Dentro do programa do curso, o alumnado realizará prácticas breves consistentes na elaboración de documentos que inclúan algún dos comandos aprendidos.