Un curso revisa en cinco sesións as relacións entre a arte e a liturxia na Idade Media
Ao longo de cinco xornadas entre febreiro e marzo, a Facultade de Xeografía e Historia será sede do encontro ‘ No ceo como na terra. Curso sobre Arte e Liturxia na Idade Media’, un foro que botou a a andar este venres na Aula 10 cunha sesión ás 10.00 horas para analizar a situación actual dos estudos que poñen en relación arte e liturxia.
Interviñeron nesta primeira sesión Elisardo Temperán, do Instituto Teolóxico Compostelán (ITC), co relatorio ‘Claves para entender a arte e a liturxia na Idade Media’ e José Luis Senra, da Complutense de Madrid, para falar sobre ‘Liturxia e espazo na Idade Media plana: o trazo cluniacense’.
Previamente, ás 9.30 horas tivo lugar a sesión inaugural, un acto ao que asistiron o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Francisco Durán Villa, e o deán da catedral de Santiago e director do ITC, Segundo Pérez López, e os tres directores do curso Natalia Conde Cid, Mercedes Lopez-Mayán e Francisco J. Buide.
Da man de persoal investigador da USC e do ITC, as seguintes xornadas previstas analizarán a relación entre música e liturxia (24 de febreiro); os libros litúrxicos e a súa iluminación (3 de marzo); a penitencia e as súas representacións (10 de marzo); e a indumentaria litúrxica e ornamentos (17 de marzo). A organización expedirá certificado de participación equivalente a 15 horas de formación.
Francisco Durán, no centro, cos relatores que participaron na apertura deste encontro sobre arte e liturxia