Ir o contido principal

Un curso en Santiago profunda na ordenación do territorio como estratexia de adaptación aos riscos naturais

O profesor da USC Urbano Fra dirixe estas xornadas organizadas pola OTAN para investigadores, xestores políticos e posgraduados

Co propósito de profundar na ordenación do territorio como estratexia de mitigación e adaptación aos riscos naturais, a OTAN organiza un curso avanzado destinado a investigadores, xestores políticos e posgraduados procedentes de Alxeria, Armenia, Croacia, Exipto, Marrocos, Quirguizistan, Rusia, Taxiquistán, Tunisia e Xeorxia. As xornadas, dirixidas polo profesor da USC Urbano Fra, terán lugar na sede compostelá da Fundación Caixa Galicia do 3 ao 8 de marzo.
Formar a especialistas na xestión de riscos naturais en países do Leste de Europa, Norte de África, Oriente Medio e Asia Central é un dos obxectivos principais do curso que tamén busca crear un espazo de debate sobre a cuestión e producir un texto de referencia neste eido.
Nove expertos de recoñecido prestixio internacional imparten estas sesións académicas coas que se pretende impulsar a planificación urbanística e do territorio, a investigación sobre riscos naturais e a adopción de estratexias políticas.
Na posta en marcha do encontro colaboraron a Fundación Caixa Galicia, a Confederación Hidrográfica do Norte do Ministerio de Medio Ambiente e o Instituto Internacional para a Xestión das Grandes Metrópoles do organismo internacional Unión de Cidades e Gobernos Locais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2008.