Ir o contido principal

Un curso sobre seguridade viaria impartirase en Santiago no mes de xullo

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago impartirá a partir do 13 de xullo o curso de verán titulado ‘Tráfico e seguridade viaria: regulación e consecuencias xurídicas dunha condución irresponsable. O obxectivo do programa será constituír un espazo de encontro no que xuristas e representantes dos poderes públicos, xunto con profesionais dos diversos sectores relacionados co automóbil, poderán analizar e debater as cuestións xurídicas e sociais de maior actualidade e repercusión social relacionadas coas normas que regulan a circulación de vehículos de motor, así como as causas e consecuencias dos accidentes de circulación.
A metodoloxía das 32 horas lectivas das que consta o programa basearase nunha combinación das exposicións teórico-prácticas co comentario de casos reais e das solucións legais e xurisprudenciais dadas aos mesmos.
Así, ao longo deste curso, dirixido por Lotario Vilaboy Lois, levaranse adiante diversas actividades de carácter práctico, como a simulación da práctica de probas alcoholométricas, de sistemas de reconstrución de accidentes ou da vista dun proceso civil/penal, entre outras.
A taxa xeral de matrícula para asistir a estas sesións que se desenvolverán no Salón de Actos do Colexio de Avogados de Santiago ata o 16 de xullo é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 3 de xullo), xa está aberto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.06.2009.