Ir o contido principal

Un curso do Servizo de Relacións Exteriores forma axentes sociais para a integración de persoas refuxiadas

O curso celebrarase ao longo de toda a semana en Ciencias Políticas
O curso celebrarase ao longo de toda a semana en Ciencias Políticas
Desenvólvese en Ciencias Políticas ata o venres 20 dentro do proxecto europeo Unintegra

O curso de Formación de axentes sociais para a integración de persoas refuxiadas desenvolverase ata o próximo venres 20 na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais organizado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC e dentro do proxecto europeo UNINTEGRA. No súa inauguración, este luns 16, a técnico do Servizo de Relacións Exteriores, Sonia Cordido Méndez, foi a encargada de presentar o curso dando conta dos seus obxectivos principais así como do proxecto no que se enmarca.

Na xornada de hoxe participan a avogada especializada en Dereito de Asilo e Estranxeiría, Lía Álvarez Fouz, e o técnico de emprego Xabier Rodríguez Orosa, ambos os dous de Accem Galicia. Centraranse primordialmente no marco legal vixente neste eido, con especial atención á lexislación comunitaria, estatal e aos procedementos para outorgar a protección internacional, así como na definición de conceptos básicos que manexan os profesionais que traballan habitualmente con persoas refuxiadas.

A partir do martes 17 Araceli García del Soto, membro do comité asesor do Servizo Xesuíta aos Refuxiados para ‘Global Staff Care Program’, abordará a aproximación humanitaria, cultural e social á problemática das persoas refuxiadas (ferramentas, actores involucrados e análise de conflitos actuais complexos). Esta segunda parte busca conferir un carácter práctico á formación coa realización de exercicios prácticos para incentivar a participación dos asistentes.

O curso tivo unha excelente acollida, como que se reflicte no número de asistentes, máis de 60 persoas, así como no seu perfil profesional, na súa maioría vencellados a ONG’s ou con clara vocación e experiencia na atención a colectivos vulnerables. Esta era unha iniciativa concibida inicialmente a persoas que desenvolven traballos vinculados coa integración de persoas refuxiadas ou migrantes en entidades locais, ONGs ou outro tipo de institucións.

Unintegra
Co financiado polo Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI) da Comisión Europea, o proxecto UNITEGRA púxose en marcha a finais de 2017 coordinado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC. O seu obxectivo é promover a xestión eficaz das poboacións inmigrantes e responder ás necesidades das persoas que necesitan protección.

O proxecto ten dúas dimensións: por unha banda, traballar directamente coa poboación recén chegada e responder a necesidades básicas de inclusión e, por outra, fomentar actitudes de recepción positivas nas comunidades de destino.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2018.