O Curso Superior de Relacións Laborais iniciará este venres o programa da súa vixésima terceira edición
A vixésima terceira edición do Curso Superior de Relacións Laborais inicia este venres 11 o seu calendario académico co acto inaugural que presidirá o reitor Juan Casares a partir das 17.00 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito e que contará coa intervención ademais do presidente do Colexio Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández López. A esta sesión asistirán ademais o director do curso, o catedrático Javier Gárate Castro; a secretaria xeral da Consellaría de Traballo, Crsitina Ortiz; e os encargados de pronunciar as leccións inaugurais, o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e decano da Facultade de Dereito da Universidade de Zaragoza, Juan García Blasco, e o profesor emérito da Autónoma de Madrid e ex reitor de UDIMA, Luis Enrique de la Villa Gil. Mentres que este último se referirá á estratexia da negociación colectiva e a ultractividade, a conferencia de Juan García leva por título ‘Flexibilidade interna e ordenamento laboral. O programa deste curso pretende ofrecer ao alumnado un lugar de exposición e debate das sucesivas reformas da lexislación laboral, que afectan, ademais de ao mercado de traballo (formas de contratación, organización do traballo, extinción do contrato de traballo), á negociación colectiva, á representación dos traballadores na empresa, á seguridade social e á seguridade e hixiene no traballo. A adaptación dos contidos didácticos ao novo marco legal e convencional polo que están chamadas a discorrer as relacións laborais e de seguridade social, presente en anteriores edicións do curso, proséguese na presente, na que se terán en conta as consecuencias prácticas dos procesos de reforma producidos nos últimos anos. A intención é ofrecer solucións fronte aos problemas que presenta a aplicación das novas normas, tanto laborais como de seguridade social.