Ir o contido principal

Curso sobre tendencias en cirurxía implantolóxica e periodoncia

Máis de 150 especialistas asistiron ao curso sobre cirurxía implantolóxica e periodoncia, na Facultade de Medicina. Na primeira fila, de esquerda a dereita, José Gandara Rey, Abel García-García e...
Máis de 150 especialistas asistiron ao curso sobre cirurxía implantolóxica e periodoncia, na Facultade de Medicina. Na primeira fila, de esquerda a dereita, José Gandara Rey, Abel García-García e...
Reúne, na Universidade de Santiago, a máis de 150 especialistas

Máis de 150 especialistas en cirurxía implantolóxica e periodoncia, procedentes das catro provincias galegas, de Asturias, Cantabria e León, participan, o sábado, día 21, no salón de actos de Medicina de Santiago, no curso internacional sobre novas tendencias nos campos das súas especialidades. Un curso coordinado polo profesor, Abel García-García, e impulsado por este, coa contribución do catedrático, tamén da USC, José Gandara Rey, en colaboración coas Universidades de Santiago de Compostela e de Gotemburgo (Suecia), conxuntamente coa empresa Astra Tech Dental.

O encontro científico, moderado polo profesor Abel García-García e coa participación da vicedecana da Facultade de Medicina e Odontoloxía, María Xesús Mora, deu comezo ás 9:00 horas, coa conferencia de José Ferreras, cirurxián oral e maxilofacial do Centro Hospitalario Universitario da Coruña, que presentou disrtou sobre a elevación de seno maxilar.

Deseguido foi o turno para o catedrático e director do Departamento de Periodoncia da Facultade de Odontoloxía da Universidade sueca de Göteborg, Jan Wennström, coa conferencia ‘Periimplantite: ¿unha ameaza para o éxito do tratamento implantolóxico?’. Wennström é membro do Board of European Federation of Periodontology desde 1998 e editor asociado do Journal of Clinical Periodontology. Publicou máis de cen artigos científicos, basicamente no campo da periodoncia e a implantoloxía.

As claves para a obtención de resultados estéticos mediante implantes centrará a primeira intervención da tarde, a cargo do profesor Luis Antonio Aguirre, da Universidade do País Vasco e especialista en Estomatoloxía.

E para rematar a xornada, o relatorio sobre ‘Abordaxes cirúrxicas para a rehabilitación con implantes da rexión posterior do maxilar superior’ a cargo do catedrático e director do Departamento de Cirurxía Oral e Maxilofacial da Facultade de Odontoloxía da Universidade de Göteborg, Karl-Erik Kahnberg, a quen lle avalan máis de cen publicacións científicas sobre cirurxía oral e maxilofacial, especialmente no campo da cirurxía ortognática, da articulación temporomandibular e implantolóxica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2009.