Ir o contido principal

Un curso de verán achegará en Muros as técnicas para a mediación e a negociación en conflitos

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago celebrará do 22 ao 24 de setembro en Muros o curso O conflito e as súas técnicas de solución: a negociación e a mediación, dirixido a toda a sociedade, pois nos hai campo no que non aparezan conflitos, para os que haxa que arbitrar mecanismos de solución.
Hoxe a solución do conflito contráese ao proceso xudicial, pero non é o único mecanismo. Co curso e os seus talleres tratarase de mostrar que existen mecanismos alternativos ao proceso xudicial aptos para unha mellor solución.
Por isto, ao longo das 32 horas lectivas, divulgaranse as diversas formas de negociación e mediación entre as familias, os matrimonios, as parellas, os educadores, os alumnos, os pais, os empresarios, os sindicatos, os operadores xurídicos, os poderes públicos e os veciños de calquera comunidade.
A taxa xeral de matrícula para este curso dirixido por Raquel Castillejo Manzanares, que se desenvolverá no Auditorio de Muros, é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 11 de setembro), xa está aberto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2009.