Ir o contido principal

Un curso de verán aprende a traducir programas ao galego

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2011

Catro xornadas en setembro, entre os días 5 e 8, servirán para aprender como localizar aplicacións ao galego no curso de verán que se desenvolverá nas aulas de informática da Facultade de Dereito baixo a dirección de Enrique Estévez Fernández, coordinador da Oficina de Software Libre da USC e do equipo galego de localización dos produtos de Mozilla. O curso estrutúrase en catro sesións monográficas, sendo a primeira introdutoria responsabilidade do propio Enrique Estévez. Xa cos coñecementos precisos terá lugar a segunda sesión de localización asistida a cargo do técnico da USC e coordinador do equipo de localización ao galego do contorno de escritorio GNOME, Francisco Diéguez Souto. A xornada de localización avanzada do día 7 impartiraa Antón Méixome Gómez, coordinador do equipo galego de localización de OpenOffice e LibreOffice. Para rematar Miguel Anxo Bouzada, un dos coordinadores do equipo galego de localización de Ubuntu e membro da asociación galega de software libre Trasno, dará claves para iniciar, revisar, manter e reutilizar traducións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.07.2011.