Ir o contido principal

Un curso de verán en Ciencias da Educación analizará os cambios que supón a introdución das competencias básicas nos novos currículos

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC 2009

Un curso de verán a celebrar en Santiago entre o 8 e o 14 de xullo analizará os cambios que supón a introdución das competencias básicas nos novos currículos e a súa relación co estudo PISA. Concretamente, tratarán as competencias científicas nas aulas de ciencias.
Dirixido polo profesor Juan Ramón Gallástegui Otero, no curso que se desenvolverá en Ciencias da Educación (Campus Norte) traballaranse distintos aspectos das competencias científicas como obter conclusións baseadas en probas, avaliar distintas hipóteses á luz destas, criticar argumentos doutros ou analizar criticamente informacións ou fontes e recoñecer a influencia do contexto social nelas.
O curso ‘Competencias científicas na aula de ciencias: o uso de probas e a argumentación en secundaria’ está recoñecido como actividade de formación permanente do profesorado non universitario pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Entre os relatores atópase un nutrido grupo de docentes universitarios e mestres de secundaria, así como inspectores de ensino.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2009.