Ir o contido principal

Un curso de verán sobre deseño e autoedición con software libre céntrase na creación de logotipos, revistas e retoques fotográficos

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2011

As persoas interesadas no deseño e autoedición con software libre poderán iniciarse ou ampliar coñecementos no curso de verán que terá lugar os días 2, 9 e 16 de setembro na Escola Técnica Superior de Enxeñería. Dirixido por Enrique Estévez Fernández o seminario tratará especificamente o relacionado con logotipos, revistas e retoque fotográfico. Para iso, as tres sesións versarán monograficamente sobre os programas Scribus de maquetación de páxinas de código aberto e GIMP de edición de imaxes dixitais en forma de mapa de bits así como a ferramenta Inkscape de debuxo libre e multiplataforma para gráficos vectoriais SVG. As xornadas sobre GIMP e Inscape impartiraas Denís Fernández Cabrera, experto en deseño gráfico con software Libre en maquetación de libros, deseño de campañas publicitarias para a Xunta de Galicia e deseño de logotipos e de imaxe corporativa. Fernández Cabrera é socio de Sacauntos Cooperativa Gráfica, imprenta que emprega software libre no seu fluxo de traballo. Pola súa banda, será o filólogo Tomás González Ahola o responsable da sesión sobre Scribus. González é membro fundador de Urco Editora, editorial especializada en fantasía, ciencia ficción e literatura gótica que emprega software libre e as licencias Creative Commons.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.07.2011.