Un curso de verán en Santiago analiza a cuestión ambiental en Galicia
Do 11 ao 14 de xuño na Facultade de Química terá lugar a décimo segunda edición dun curso de verán que pretende achegar o estado actual da cuestión medioambiental en Galicia desde un punto de vista multidisciplinar. A matrícula remata o 31 de maio.
Dirixido por José Manuel Vila Abad e con cofinanciamento da Deputación da Coruña, o curso O medioambiente en Galicia. Unha visión multidisciplinar (XII Ed.) diríxese a alumnado universitario, docentes de ensino medio, profesionais e público en xeral interesado nos aspectos físicos, químicos e biolóxicos da contaminación, no cambio climático, na contaminación das augas, nos residuos, na economía medioambiental e no crecemento sostible, entre outras cuestións.
O programa contempla relatorios sobre aproveitamento de microalgas, o permiso ambiental integrado a través de Mellores Técnicas Dispoñibles, o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia e sobre polímeros; e visitas guiadas ao Museo de Historia Natural da USC, á Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con (USC), ao Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e a DROGAS VIGO, S.L. Sección reciclaxe de disolventes a escala industrial.