Ir o contido principal

Un curso de verán en Santiago profundará no plurilingüismo na escola

UNIVERSIDADE DE VERÁN USC

‘Plurilingüismo na escola: ensino de segundas linguas en contextos académicos’ é o título do curso de verán que as profesoras Teresa Díaz García, Inmaculada Mas Álvarez e Luz Zas Varela organizan para os días de 8 a 10 de xullo en Santiago.
Con el trátase de responder á demanda formativa manifestada por parte da comunidade docente e futuros profesionais cara ao ensino de segundas linguas. Para iso presentaranse propostas metodolóxicas e materiais didácticos atendendo a diferentes contextos académicos de ensino e aprendizaxe de segundas linguas.
Nos tres días do curso abordaranse cuestións como a inmigración e a lingua na escola, o léxico dispoñible no español de Galicia dos estudantes galegos preuniversitarios ou temas de actualidade como os problemas e dilemas dunha comunidade bilingüe, o proxecto lingüístico para o tratamento integrado das linguas ou o desenvolvemento da competencia plurilingüe no ensino obrigatorio.
Ademais, os numerosos expertos que impartirán os relatorios exporán algúns estudos de caso sobre o ensino do español nos países árabes e o multilingüismo na India.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2009.