Ir o contido principal

Un curso de verán da USC analiza en Lugo a actualidade e os novos enfoques en seguridade alimentaria e nutrición

Un curso de verán da USC analiza en Lugo a actualidade e os novos enfoques en seguridade alimentaria e nutrición
Un curso de verán da USC analiza en Lugo a actualidade e os novos enfoques en seguridade alimentaria e nutrición
UNIVERSIDADE DE VERÁN 2012

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo acolle entre os días 18 e 20 de xullo un curso de verán da USC centrado nas novidades e os novos enfoques en materia de seguridade alimentaria e nutrición. Os directores da actividade son os profesores do centro Alberto Cepeda Sáez e Jesús Sánchez Rocha, mentres que o responsable da secretaría é o investigador José Manuel Miranda López. O curso comeza o día 18 cun relatorio sobre os riscos relativos á presenza de bacterias resistentes ós antimicrobianos nos alimentos, a cargo do profesor da USC Carlos Franco Abuín, logo do cal intervirá a tamén profesora da USC Beatriz Vázquez Belda, cunha intervención denominada ‘ Óxidos do colesterol. Presenza en alimentos e efectos adversos para a saúde humana’. A primeira xornada péchase co relatorio ‘Aflatoxinas nos alimentos. Riscos e prevalencia’, impartido por Pedro Burdaspal Pérez, xefe de servizo do Instituto de Saúde Carlos III e membro do comité científico da Asociación Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan). A segunda xornada (19 de xullo) iníciase co relatorio ‘Presenza de hormonas en alimentos de orixe animal’, a cargo de Cristina Fente Sampayo; Pilar Calo Mata centrará a súa intervención nos alimentos modificados xeneticamente; e Perfecto Paseiro Losada falará sobre a interacción entre envases e alimentos. Os tres son profesores titulares do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC. Na sesión de tarde María Rosario Martín de Santos, catedrática de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Universidade Complutense de Madrid impartirá unha conferencia titulada ‘ Control de patóxenos e contaminantes na industria alimentaria: novos retos no século XXI’. A xornada complétase con dous relatorios máis: ‘Os produtos pesqueiros: a súa relevancia na saúde’, do profesor do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC José Manuel Gallardo Abuín; e ‘Ácido linoleico conxugado natural e sintético. Vantaxes e inconvenientes para a saúde’, de Ismael Martínez Lede, director de I+D+i da cooperativa Feiraco. A xornada final do 20 de xullo ábrese coa intervención de Jesús Román Martínez, presidente do Comité Científico da Sociedade Española de Nutrición e Ciencias da Alimentación, quen falará sobre os beneficios nutricionais do consumo de fibra. A continuación Antonio Vilarino Marín, catedrático do Departamento de Bioquímica da Universidade Complutense de Madrid, intervirá para informar sobre as denominadas ‘dietas milagre’. A última charla do curso estará centrada na regulación sobre alimentos funcionais (en especial sobre declaracións de propiedades saudables) e será desenvolvida por Marta Hernández Cambria, de Central Lechera Asturiana. A actividade consta dun total de 20 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da páxina web da Área de Cultura da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2012.