Un curso de verán da USC estuda no Caurel o papel dos espazos protexidos
A USC organiza entre os días 16 e 19 de xullo o ‘V curso de conservación do Caurel: O papel dos espazos protexidos na conservación’, que cofinanza a Consellaría da Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello do Caurel. Os relatorios dos expertos profesionais e profesores de universidades españolas desenvolveranse no Edificio Multiusos do Concello en Seoane do Courel e hai ademais previstas varias visitas e actividades de campo.
O programa comeza o luns 16 de xullo coa inauguración por parte do conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Manuel Vázquez, ao que lle seguirá o relatorio inaugural do profesor da Universidade de León, Francisco Purroy, quen formulará os motivos polos que debemos conservar a natureza.
A fauna e a súa conservación centrará a segunda das xornadas na que se inclúe unha visita guiada ao Val do Río Pequeno, mentres que o día 18 se reserva para a análise da flora e a paisaxe para o que os asistentes viaxarán ata as devesas de Faro e Fonteformosa.
O último día profesionais do parque natural do Ponga en Asturias e do Eume exporán a súa xestión como exemplo antes do relatorio de clausura que correrá a cargo do director xeral de Desenvolvemento Sustentable da Xunta de Galicia, Emilio Fernández, quen falará sobre o papel dos espazos protexidos no desenvolvemento sustentable.