Un curso de verán da USC explicará os métodos e técnicas de investigación criminal en España
Expertos de toda España reuniranse entre os días 9 e 13 de xullo no curso de verán ‘A pegada do crime: métodos e técnicas de investigación criminal en España’ que se vai celebrar na Aula Nova da Facultade de Dereito co obxectivo de explicar os procedementos das investigacións policiais. As sesións académicas, dirixidas polo profesor Fernando Vázquez-Portomeñe Seijas, contan co cofinanciamento da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, o Instituto Camões e Caixa Galicia.
A inauguración do curso desenvolverase o luns, día 9, ás 9:30 horas coa conferencia ‘A investigación policial: formación técnica e actuación operativa’ que pronunciará o xefe de Formación da Academia Galega de Seguridade Pública, José Antonio Fernández López.
O resto da xornada dedicarase a cuestións como os aspectos metodolóxicos e xerais da investigación policial, as respostas operativas dos corpos de seguridade fronte ás novas formas de delincuencia, a formación das unidades de policía científica, os delitos cometidos a través de internet, a utilización das novas tecnoloxías ou a aplicación da acústica forense á investigación policial.
Ao día seguinte, o curso acollerá charlas sobre o estudo da escena do crime e o seu valor criminalístico centrándose na análise do IMELGA, a recollida de indicios na escena do crime, o levantamento do cadáver e a autopsia médico-forense. Pola tarde, a sesión continuará describindo os procedementos de obtención de información e os métodos para a detección de mentiras.
No transcurso do mércores, día 11, as técnicas psicolóxicas na investigación criminal serán o título dunha sesión na que varios expertos falarán sobre psicópatas e agresores en serie. Xa, pola tarde, profundarase no tema da medicina legal, o polimorfismo do ADN, a valoración médica do dano corporal e o investigador privado.
Durante a mañá do xoves 12, disertarase sobre violencia familiar e estimación da data da morte e logo, na sesión vespertina, realizarase un ditame pericial psiquiátrico sobre a imputabilidade xunto cunha proba pericial caligráfica en criminalística.
As novas técnicas de investigación criminal vinculadas ao proceso penal será a clave central da última xornada do curso que servirá para profundar na utilización do material xenético, a valoración das gravacións audiovisuais ou outros medios de proba no proceso penal.