Ir o contido principal

Un curso de verán da USC en Lalín ofrecerá recursos para educar na convivencia

CURSOS DE VERÁN DA USC 2007

Contribuír á formación dos distintos axentes sociais e educativos para favorecer a convivencia nos centros educativos e na sociedade en xeral é o principal obxectivo do curso de verán da USC que entre os días 10 e 13 de xullo se desenvolverá no Auditorio Municipal de Lalín.
No curso ‘Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: educar para convivir (relacións interpersoais-convivencia-mediación- afectividade)’ analizaranse recursos e medios para afrontar a educación para a convivencia coa finalidade de educar na mellora das relacións humanas e sociais. Trátase de educar os sentimentos, a afectividade, para poder transmitir o aprendido nas situacións sociais nas que se desenvolven tarefas educativas.
O programa do curso dedica as súas catro sesións de maneira monográfica ás relacións interpersoais, á convivencia, á mediación e á afectividade. Para iso cóntase coa participación de expertos de Universidades de toda España, educadores, sociólogos, psicólogos e expertos en mediación de conflitos.
A proposta formativa busca axudar a desenvolver, nas persoas que participen nesta acción, o camiño da aprendizaxe das actitudes cooperativas e solidarias, de tolerancia, de respecto á diversidade e á igualdade, así como de rexeite aos comportamentos insolidarios, xenófobos, racistas e opresores, e ás ideas acríticas e sectarias. Dotarase deste xeito aos asistentes de medios para axudar aos adolescentes para que sexan máis competentes socialmente e poidan relacionarse co medio de forma axeitada.
Ademais de formar ás persoas responsables directas dos aprendizaxes da infancia e a adolescencia, o curso pretende tamén ser punto de encontro entre as institucións, as diversas ONGs e as persoas que traballan pola defensa dos dereitos humanos ou que teñen como referencia principal da súa acción calquera dos seus contidos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2007.