O curso 'Xeografía lingüística ibérica: traballos e métodos' comeza este mércores na Facultade de Filoloxía
‘Xeografía lingüística ibérica: traballos e métodos’ é o curso de verán que se vai celebrar do 18 ao 20 de xullo nas facultades de Filoloxía e Filosofía organizado polo profesor Xulio Sousa Fernández. O programa do encontro comezará a partir das 9:30 horas na Facultade de Filoloxía onde o catedrático de Filoloxía Románica da USC Antón Santamarina pronunciará a conferencia inaugural do curso titulada ‘Trinta anos de Atlas Lingüístico Galego’.
O programa do curso proseguirá coa intervención do tamén catedrático de Filoloxía Románica da USC Francisco Fernández Rei que se referirá ao traballos que actualmente se están desenvolvendo no dominio galego, ao que lle seguirá a profesora da Universidade de Lisboa Ernestina Carrilho para analizar as liñas de traballo do dominio portugués.
A sesión da tarde, que se celebrará na Aula 1 da Facultade de Filosofía, comezará co relatorio do catedrático da USC Manuel González González sobre o proceso de realización dun atlas lingüístico. Completando o programa da primeira sesión do curso os asistentes realizarán unha visita guiada ao Instituto da Lingua Galega da USC.
A xeografía lingüística é unha disciplina dinámica que se nutre das novas técnicas e métodos e que resulta unha achega imprescindible para a análise da realidade lingüística e humana en ámbitos ben distintos como a recolla de vocabulario, estruturación do campo léxico, estudos de gramática sincrónica e diacrónica, análise etimolóxica ou na obtención de datos etnográficos, entre outros.
Este curso de verán pretende aproximar o mundo da xeografía lingüística ao público non especialista, especialmente aos estudantes e aos novos graduados de titulacións lingüísticas. A intención dos organizadores é facer unha presentación dos proxectos que se están a desenvolver no ámbito ibérico e tamén mostrar o aproveitamento que se pode obter do manexo de datos dialectais e da aplicación de novos métodos e perspectivas neste campo.
Ademais, o curso pretende ser un foro de contacto entre especialistas que axude a coñecer os novos proxectos que botan a andar e os avances daqueles xa iniciados. A contribución de investigadores de todo o ámbito lingüístico ibérico e dalgúns investigadores foráneos permitirá compartir experiencias e coñecementos entre os distintos métodos e aplicacións da xeografía lingüística.
No desenvolvemento do programa científico deste curso participarán investigadores das universidades Autónoma de Madrid, de Barcelona, Oviedo, Pais Vasco, Pompeu Fabra, Santiago, Zaragoza, Lisboa, Stendhal-Grenoble 3 e da University of West Ontario.