Ir o contido principal

Cursos Internacionais da USC promociona a súa oferta formativa en Corea

O espectacular aumento de peregrinos coreanos a Compostela e dos estudantes dese país por aprender español motiva o interese de Cursos Internacionais da USC por promocionar alí as súas actividades. É por iso que esta semana responsables universitarios participarán nunha viaxe patrocinada pola Embaixada de España en Corea e pola Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo nun ano no que se conmemoran oitocentos anos da consagración da catedral. A xerenta de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud, e o profesor de Historia Medieval da USC, José Miguel Andrade, acompañarán á nova xerenta do Xacobeo, Camino Triguero, nunha visita polas universidades coreanas de Kyung Hee, Pyeongtaek e Hankuk de Estudos Estranxeiros. O profesor Andrade enriquecerá as presentacións institucionais impartindo tres conferencias sobre a Historia do Camiño e das peregrinacións a Santiago de Compostela.

As charlas irán seguidas de mesas redondas nas que coreanos que teñan feito o camiño contarán a súa experiencia. Destaca a participación da escritora Kim Hyo Sun que ten escrito tres libros sobre o camiño e que, xunto coa autora Kim Mamhee, está considerada unha das protagonistas do recente boom de peregrinos procedentes de Corea.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2011.