Os Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros reúnen nunha nova edición a alumnado de 27 países
A vixésimo sexta edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros comezou este venres 5 na Facultade de Filosofía onde se deron cita os 72 alumnos e alumnas de 27 estados distintos de Europa, América, Asia e África que participarán ata o 24 de xullo nas distintas actividades programadas . Esta é unha acción formativa que organizan conxuntamente o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia No acto de inauguración interviñeron o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Víctor Millet; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; o director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane; e o director dos cursos, Manuel González González. O alumnado desta nova edición súmase ás 2.500 persoas de moi diversos países de todo o mundo que xa teñen pasado nas edicións precedentes por estes cursos. Nesta ocasión pasará polas aulas compostelás estudantado procedente de Alemaña, Armenia, Arxentina, Austria, Brasil, Cuba, España, Estonia, EUA, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irán, Irlanda, Italia, Kazakhstan, Marrocos, México, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Romanía, Rusia, Suíza, e Ucraína. Os cursos constan de 4 niveis: elemental 1, elemental 2, medio e superior. O superior é un curso de Filoloxía Galega con catro seminarios: Temas de lingüística galega, Poesía dos séculos XIX e XX, Formación e historia social da lingua galega e Variación e cambio lingüístico no galego actual. Programáronse tamén para todo o alumnado conferencias sobre antropoloxía cultural, literatura, historia, arte e outros eidos socioculturais, xunto con proxeccións de películas e documentais en galego. Ademais, estanse a realizar diversas actividades complementarias. Entre outras, os/as participantes terán a oportunidade de visitar ao longo dos cursos o Museo do Pobo Galego, o Panteón de Galegos Ilustres e a Cidade da Cultura de Galicia e de gozar de dous recitais poéticos, un obradoiro de música e baile tradicionais e unha xornada completa de inmersión lingüística e cultural. Nesta ocasión o itinerario escollido percorrerá Noia, Baroña, Axeitos, Corrubedo, Ribeira, A Curota e Rianxo. Desde o inicio dos cursos procurouse que persoas de moi diversa procedencia puidesen achegarse directamente á lingua e á realidade sociocultural deste país, para logo serviren de embaixadores culturais de Galicia nos seus lugares de orixe.